publicidade hoxe

A Xunta forma persoal investigador para concorrer con éxito ás axudas do Consello Europeo de Investigación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, celebrou esta mañá un taller práctico online de preparación de propostas ás convocatorias 2020 do Consello Europeo de Investigación (ERC nas súas siglas en inglés), nomeadamente ás Advanced Grant, no que participaron máis de 30 investigadores procedentes das 3 universidades galegas e dos centros do CSIC en Galicia, entre outros centros de investigación.

A directora de Gain, Patricia Argerey, sinalou na benvida aos participantes que a través deste taller preténdese ofrecer unha formación e asesoramento experto para a preparación de candidaturas exitosas ás axudas do Consello Europeo de Investigación, co obxectivo final de xerar, atraer e reter novos beneficiarios da prestixiosa entidade en Galicia.

Esta actuación enmárcase no programa Oportunius da Xunta, dirixido a apoiar aquel persoal investigador que desexe conseguir unha axuda do ERC ou que xa a conseguiu e quere seguir desenvolvendo a súa actividade investigadora en Galicia. O programa inclúe 3 itinerarios, dirixidos respectivamente aos gañadores de axudas ERC, aos finalistas e aos candidatos.

O primeiro itinerario persegue a atracción, retención e retorno de persoal investigador destacado, aqueles que obtiveron unha axuda do ERC. Neste caso, o programa ofrece a opción a un contrato de persoal investigador distinguido coa Axencia Galega de Innovación; así como outros tipos de apoio aos investigadores e proxectos que contan cunha axuda do ERC que están a desenvolver en Galicia.

O segundo itinerario ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento daquel persoal investigador cunha traxectoria consolidada e que superase a Fase 1 de avaliación dunha axuda do ERC. Neste itinerario, Oportunius ofrece apoio económico aos proxectos dos finalistas para incrementar as súas posibilidades de éxito nunha futura presentación a unha nova convocatoria.

Por último, o terceiro itinerario busca favorecer a participación nas convocatorias de ERC daquel persoal investigador que demostre un alto potencial e unha carreira investigadora prometedora en Galicia, para o que o programa ofrece formación, asesoramento e revisión do currículo e da idea de proxecto. Este taller é precisamente unha das actividades incluídas no Itinerario 3 que aspira a mellorar as candidaturas galegas á convocatoria Advanced Grant 2020.

O Consello Europeo de Investigación

O Consello Europeo de Investigación é unha entidade europea que ten por misión apoiar a investigación que se atopa na fronteira do coñecemento, en todas as áreas e campos, en Europa e países asociados, a través de financiamento competitivo, e baseándose para a súa avaliación exclusivamente na excelencia científica dos proxectos e na traxectoria académica dos investigadores.

22 de xuño de 2020 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.