publicidade hoxe

Xunta e sector vitivinícola valoran o impacto da emerxencia sanitaria e abordan medidas de impulso na comercialización dos seus produtos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta mañá unha videoconferencia con presidentes das denominacións de orixe (DO) do viño galego e das indicacións xeográficas protexidas (IXP) das augardentes e licores tradicionais de Galicia, para valorar o impacto do estado de emerxencia sanitaria no correcto desenvolvemento das actividades deste sector. Na xuntanza tamén estivo o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

Así, o conselleiro escoitou as principais demandas do sector vitivinícola e tomou nota das súas aportacións para facer, deste período excepcional, un lugar seguro de traballo e garantir a seguridade de todos os traballadores implicados.

Orde de axudas

Durante a videoconferencia, o conselleiro aproveitou tamén para trasladarlles a posibilidade que teñen de adherirse á nova liña de financiamento que sacou a Xunta este mércores no Diario Oficial de Galicia e que está destinada a inxectar liquidez a pemes e autónomos, para que poidan facer fronte ás consecuencias provocadas pola situación de emerxencia sanitaria na súa actividade empresarial.

Neste senso, José González informoulles de que, dende este xoves, as empresas e o colectivo autónomo galegos -como son as bodegas, cooperativas, industrias transformadoras, viticultores etc- poderán solicitar estes apoios para atender as necesidades máis inmediatas, como o pago de salarios, facturas, alugueiros ou impostos.

A orde, que depende directamente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está dotada con 30 millóns de euros e permitirá a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos entre o tecido empresarial galego, que contribuirán a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego. En concreto, a nova liña avalará entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio e os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, cun máximo dun 1,50 por cento de xuros, que serán bonificados ao cento por cento pola Xunta, facéndose cargo deles.

Neste aspecto, o conselleiro adiantoulle aos representantes destes selos de calidade que o seu departamento vai habilitar proximamente un apartado na páxina web da Consellería do Medio Rural para que o sector nos traslade as cuestións e preocupacións en materia económica no rural, co fin de poder tamén informalos das medidas económicas ás que se poden acoller en cada un dos sectores produtivos.

Por outra banda, tamén se lle trasladou que se está traballando na flexibilización dos requisitos esixidos para as diferentes subvencións das que se pode beneficiar o sector, buscando evitar incumprimentos ou posibles prexuízos derivados da imposibilidade de executar as acciones programadas.

Reestruturación e reconversión do viñedo

Por outra banda, José González explicoulles que na convocatoria de 2020 para as axudas de reestruturación e reconversión do viñedo, tal e como recolle o Regulamento de execución do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire aos programas nacionais de apoio ao sector vitivinícola, a Xunta só se lle obriga a realizar a acta de non inicio ao 5% das solicitudes. Polo tanto, avanzou o conselleiro, aqueles solicitantes que necesiten e demanden a realización da acta de non inicio e non estean nesa porcentaxe, só terán que aportar unha declaración responsable e unha reportaxe fotográfica. Así mesmo, será a Consellería que comprobe a información no Rexistro Vitícola de Galicia e mediante o SIXPAC.

Con respecto á convocatoria de 2019, o titular de Medio Rural explicoulles que todos os expedientes que finalicen o seu prazo de execución o 31 de maio de 2020, poderán solicitar unha modificación da súa resolución para pasar de operación anual a bianual, ou incluso reducir operacións sen penalización algunha. Por último, informou de que na convocatoria de 2018 non existe, de momento, a opción de modificar esas resolucións bianuais a trianuais, pero o conselleiro lembrou que o prazo de execución aínda finaliza o 31 de xullo deste ano 2020.

6 de abril de 2020 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.