publicidade hoxe

Xunta e Ecovidrio constatan un aumento da reciclaxe destes residuos en marzo e o funcionamento normal do servizo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o xerente en Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández, analizaron esta mañá como está a desenvolverse o funcionamento do servizo de recollida, transporte e reciclado deste material na comunidade desde a entrada en vigor do estado de alarma por mor do COVID-19.

Durante a videconferencia, na que participou tamén a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, a responsable galega de Medio Ambiente puido constatar que a xestión loxística en Galicia da recolida selectiva e reciclado posterior deste material está a facerse con normalidade, ao tempo que as cifras do mes de marzo manteñen a tendencia de incremento na recollida de vidro respecto ao mesmo período do ano anterior.

Así, Germán Fernández explicoulle á conselleira que desde a declaración do estado de alarma mantéñense practicamente os mesmos medios de recollida que antes da crise para que non se resinta o servizo que prestan a 149 concellos da comunidade e que as 18 plantas loxísticas que xestiona en Galicia para o depósito de vidro seguen traballando con normalidade. Tampouco se detectaron incidencias no transporte á planta de tratamento, polo que se continúa fabricando novos envases sen que a produción se vise resentida neste período.

Pola súa parte, a conselleira salientou o contacto permanente e a información puntual facilitada desde o inicio da crise por Ecovidrio á Subdirección Xeral de Residuos da Xunta co fin de garantir a prestación do servizo aos concellos e transmitir tranquilidade sobre o normal desenvolvemento da actividade de reciclado, ao tempo que se analizaban as problemáticas concretas que ían xurdindo e se garantía o mantemento do servizo de substitución de contedores. Ao respecto, cómpre subliñar que Ecovidrio mantén e garante a reposición urxente de contedores tanto por rotura como por novas localizacións que soliciten e xustifiquen debidamente os concellos.

Así mesmo, Fernández incidiu en que, á data actual, Ecovidrio non dispón aínda de datos completos que permitan determinar a influencia do estado de alarma nas taxas de reciclaxe e de recuperación de vidro, polo que non é posible establecer unha comparativa en relación ao mesmo período do ano anterior.

Non obstante, coas cifras dispoñibles e pechadas correspondentes ao mes de marzo, avanzou un aumento do 6,2% na recollida de vidro en Galicia, con respecto ao mesmo período de 2019.

A maiores, o xerente en Galicia de Ecovidrio sinalou que se ben se fai notar un incremento da reciclaxe entre os cidadáns, os datos globais previsiblemente amosarán unha caída con respecto ao ano 2019 debido ao non funcionamento do sector hostaleiro, que ten un gran peso na recollida de vidro total.

27 de abril de 2020 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.