publicidade hoxe

Preguntas máis frecuentes sobre as restricións vixentes en Galicia tras a declaración da Emerxencia Sanitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou o pasado 13 de marzo o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A cidadanía pode obter máis información a través da páxina web da Xunta e, máis especificamente, na web https://coronavirus.sergas.gal/ e no teléfono específico 900 400 116.

Ademais, a través do teléfono 012, o servizo de atención e información á cidadanía, tamén se están recollendo dúbidas da poboación respecto ás restricións vixentes pola epidemia do coronavirus COVID-19. Para facilitar o acceso á información, pode consultarse a continuación algunhas das preguntas máis frecuentes recollidas no 012 coas respostas.

Que protocolo deben seguir as empresas ao detectar un caso positivo de coronavirus?

Deben seguir o ‘Procedimiento de actuación para los Servicios de Prevencion de Riesgos
Laborales frente a la Exposición al SARS‐cov‐2’ dispoñible na web do Ministerio de Sanidad.

Preciso algún tipo de documento para xustificar que vou ao traballo?

Si. A orde do Ministerio de Sanidade do 30 de marzo recolle que os traballadores deben levar de forma obrigatoria unha declaración responsable da empresa de que a actividade desenvolvida non está suspendida.

Son autónomo. Podo seguir traballando?

Os traballadores por conta propia poden seguir desempeñando a súa actividade, sexa ou non esencial, salvo que estean suspendidas na declaración do estado de alarma

Como podo solicitar as axudas da Xunta de comedor escolar mentres están suspendidas as clases?

Pode tramitarse a solicitude a través de sede electrónica da Xunta se se dispón da Chave365 ou certificado dixital, ou ben contactando co equipo directivo do centro educativo.

Poden os pais separados manter o réxime de visitas?

Está permitido salvo que o xuíz determine o contrario. Hai que seguir escrupulosamente as recomendacións sanitarias e é convinte levar o documento que acredita o réxime de visitas que poden requirir as forzas de seguridade.

A quen debo dirixirme para doar material sanitario?

Para donacións relacionadas con material sanitario, é preciso dirixirse ao servizo de patrimonio do Sergas no teléfono 881542729.

Pode ir máis dunha persoa nun vehículo por motivos de traballo?

Só nas empresas e servizos esenciais. Nestes casos en vehículos de 5 prazas poderán ir como máximo 2 persoas; nos de 7 prazas ata 3 persoas; nos de 9 prazas 4 persoas; e nos de máis de 9 prazas o 30% da súa ocupación

Suspendéronse os prazos no ámbito da contratación pública?

Con carácter xeral si, aínda que algúns poden continuar se hai unha resolución motivada. Na páxina http://contratosdegalicia.gal/portada.jsp pode consultarse o caso concreto.

Teño que ir renovar a miña demanda de emprego?

Non, os demandantes de emprego non terán que renovar a súa demanda ata o próximo 30 de abril. Ademais, quedan suspendidas todas as citas presenciais de orientación laboral.

Teño que acudir a unha cita para valorar o grao de discapacidade ou dependencia?

Non, quedan suspendidas todas as citas ata que xa non estea en vigor a situación de emerxencia sanitaria.

Seguen recolléndose avisos e retirando niños de vespa velutina?

Si, continúase realizando o servizo de retirada e continúanse recollendo avisos. É un servizo de importancia, especialmente nesta época do ano e os traballadores contan con equipos individuais de protección.

Hai un procedemento administrativo co prazo aberto, teño que presentalo igual?

Non, os prazos administrativos están interrompidos agora mesmo. O cómputo reiniciarase no momento en que se levanten as suspensións. En calquera caso, a sede electrónica segue operativa.

E se xa presentei a miña documentación?

Se xa presentaches a túa documentación a un procedemento administrativo, este continuará a súa tramitación con normalidade.

Que pasa coa resolución das axudas?

As axudas cuxo procedemento xa está pechado seguirán a súa tramitación e notificaranse segundo o previsto.

Podo consultar o estado do meu expediente xa presentado?

Si, os interesados poden seguir consultando o estado de tramitación dos seus expedientes na súa carpeta cidadá a través da sede electrónica.

Afecta a suspensión dos prazos ás emendas e ás notificacións?

Si, tamén se interrompen os prazos de emendas e reanudaranse cando se levanten as suspensións. As notificacións reanudarán os seus prazos nese momento.

Podo seguir presentando queixas e suxestións á Administración autonómica?

Si, continúa operativo o teléfono 012 e a sede electrónica.

Que pasa cos chamamentos da Administración?

Os chamamentos quedan tamén suspendidos, salvo que teñan un carácter urxente. Na web de función pública hai un aviso sobre este punto.

Abriuse o prazo de anotarme na miña oposición, queda suspendido?

Si, os prazos das oposicións quedan suspendidos e reanudaranse cando acabe o estado de alarma. Recordar, en calquera caso, que os que queiran anotarse igualmente poden facelo a través da sede electrónica.

Podo solicitar un permiso de queima?

Non, xa que tódolos permisos de queima quedaron en suspenso dende o pasado 15 de marzo, ao decretarse a situación de emerxencia sanitaria polo coronavirus.

As altas e baixas de reses dentro da Oficina agraria virtual teñen que ser tamén dentro de prazo?

Poderán realizarse a través da Oficina Agraria Virtual ou a través do 012. Só no suposto de que non sexa posible empregar algunha destas dúas vías, poderase presentar posteriormente.

Podo saír a facer deporte ou camiñar por prescrición médica?

Non, non se pode saír salvo os casos expresamente permitidos. Recoméndase tentar manter certa actividade física no domicilio.

É obrigatorio traballar nos concellos?

Todos os empregados públicos que poidan desenvolver o seu traballo a distancia, deberán prestalo no seu domicilio con teletraballo. Queda exceptuado o persoal de carácter esencial que deberá acudir presencialmente cando así se esixa.

Se saio da casa nun suposto non permitido e teño un accidente?

En xeral, as aseguradoras seguen a cubrir os accidentes amparados polas pólizas contratadas. Non obstante, recomendase contactar coa súa aseguradora para comprobar se mantén a cobertura da asistencia actualmente.

Podo levar aos nenos comigo á compra para que non se queden sós na casa?

Comprar alimentos é unha das actividades permitidas e todas deben realizarse de forma individual, salvo para acompañar menores, persoas con discapacidade, maiores ou por unha causa xustificada.

Teño animais na casa e preocúpame que poidan contaxiarse
Coa información sanitaria a día de hoxe, e tendo en conta que o virus non ten precedentes de estudo, os animais non poden transmitir o virus nin se contaxian. Pero convén estremar as medidas hixiénicas tamén con eles.

Como podo solicitar a axuda PAC?

Hai diferenzas. Os prazos marcados pola Administración autonómica ou estatal están suspendidos ou interrompidos pola disposición adicional terceira. Pero nos prazos europeos, a Unión Europea ven de ampliar o prazo de solicitudes ata o 15 de xuño.

A quen podo dirixirme para voltar a Galicia se estou noutro país ou noutra comunidade?

O Ministerio do Interior é a autoridade competente nesta materia para facilitar o retorno de turistas ás súas residencias habituais.

Pódese prestar axuda a domicilio na modalidade de libre concorrencia?

A recomendación do Goberno central e manter todo tipo de servizos de axuda a domicilio, tanto os básicos como os de dependencia.

Tiña que presentar uns documentos da miña pensión non contributiva. Debo facelo?

Non é necesario. Todos os prazos administrativos están suspendidos. As pensións non contributivas seguiranse cobrando con normalidade.

¿Está garantido o cobro da RISGA?

Si, a nómina de RISGA seguirase cobrando puntualmente.

Nesta situación estanse tramitando as axudas?

Durante o Estado de Alarma non é preciso presentar documentación. A Xunta seguirá tramitando as Risgas, as AIS e as pensións non contributivas con normalidade. Para dúbidas, diríxase aos servizos sociais dos concellos, xefaturas territoriais ou á sede electrónica.

2 de abril de 2020 | 20:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.