publicidade hoxe

Portos de Galicia remite ao Diario Oficial da Unión Europea o anuncio previo de licitación de proxectos de melloras portuarias por importe de 3,1 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de enviar ao Diario Oficial da Unión Europea o anuncio previo de licitación do servizo de redacción de proxectos de obra para diversas actuacións do ente público por un importe global de 3,1 millóns de euros. O anuncio aparecerá recollido na publicación comunitaria nas vindeiras semanas.

O ente público contratará a través deste procedemento máis de 50 actuacións para executar en peiraos das 3 provincias costeiras. Entre os portos beneficiarios figuran os da Pobra do Caramiñal, Aguiño, Aldán, Ares, Barallobre, Bueu, Burela, Cabo de Cruz, Camariñas, Camposancos, Canido, Cariño, Carril, Cedeira, Celeiro, Corcubión, Domaio, Foz, Lorbé, Malpica, Meira, Meloxo, Moaña, Mugardos, Muros, O Grove, O Pindo, Palmeira, Portosín, Rianxo, Ribadeo, Sada, San Cibrao, Santa Cristina de Cobres, Sanxenxo, Taragoña, Testal, Tragove, Vilanova de Arousa e Viveiro.

Os tipos de traballos que se contemplan son estudos marítimos, ambientais, estudos de patrimonio, de solo, e estudos de alternativas, anteproxectos e proxectos construtivos. Deste xeito avánzase na tramitación de medio centenar de obras que darán resposta ás necesidades dos usuarios dos portos trasladadas ao ente público polo sector.

Portos de Galicia optou pola tramitación desta licitación a través dun anuncio previo no Diario Oficial da Unión Europea co obxectivo de axilizar os prazos para a tramitación das obras. En base a esta vía administrativa, reducirase o período de presentación de ofertas unha vez iniciada a licitación, que se estima que terá lugar durante o segundo trimestre do ano.

2 de abril de 2020 | 20:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.