O Servizo de prevención e defensa contra incendios leva realizadas máis dun millar de desinfeccións en centros de saúde e residencias
Os profesionais do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPDCIF) de Galicia levan realizadas máis dun millar de desinfeccións en centros de saúde e residencias de maiores e discapacitados dende que comezara a súa colaboración de maneira preventiva no marco da situación de emerxencia declarada por mor do coronavirus.
Estas actuacións, que realizan estes traballadores de xeito totalmente voluntario, lévanse a cabo en ata 200 municipios galegos durante esta situación de emerxencia sanitaria. Ademais dos centros asistenciais están a desinfectar outras áreas do rural especialmente concorridas, como beirarrúas ou zonas establecidas para a recollida do lixo.
Así, nestas tres semanas de traballo, actuaron nos exteriores dun total de 232 centros de saúde e 147 residencias de maiores e persoas discapacitadas, situados en concellos do rural de menos de 5.000 habitantes. En canto ás desinfeccións, realizáronse un total de 1.159 nestas tres semanas de traballo, das cales 234 foron en centros asistencias da provincia da Coruña, 256 en centros de Lugo, 513 en Ourense e 156 en Pontevedra.
Ademais, cabe destacar que para realizar estes traballos adecuadamente, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección e desinfección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias.
Finalmente, cómpre matizar que todas estas funcións adicionais que realizan estes profesionais non impiden que desenvolvan a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar ao longo do día en todo o territorio galego.