O Plan DigiTalent da Xunta suma ao seu catálogo de actuacións a edición especial de Campus Dual, impulsada polo Clúster Tic
O Plan de Promoción do Talento Dixital da Xunta (DigiTalent) suma unha nova iniciativa ao seu catálogo de actuacións, coa incorporación da edición especial de Campus Dual, unha iniciativa impulsada polo Clúster TIC Galicia, asinante do Pacto Dixital e adherido ao Plan, que ofrece capacitación no ámbito tecnolóxico.
Ante a situación creada polo COVID-19, Campus Dual ofrece formación gratuíta e online, sobre programación para o desenvolvemento de aplicacións dirixido a estudantes de FP e de Universidade que están a acabar os seus estudos e non contan cunha empresa onde realizar as prácticas; e, doutra banda, a persoas con experiencia profesional en situación de desemprego por mor da crise sanitaria. En ambos os casos, as prazas son limitadas e efectuarase un proceso de selección. O prazo de inscrición termina este xoves e o curso comezará o luns, 27 de abril.
Os cursos terán unha duración de 12 semanas e organizaranse en grupos de 9 alumnos e equipos de 3. Trátase dunha formación empírica 100% similar á que poida atopar un usuario nun posto de traballo, combinando sesións en grupo, aprendizaxe individual e traballo en equipo. Todo o traballo realizarase en remoto, aplicando metodoloxías áxiles e apoiándose nas plataformas de colaboración dixital e de formación online máis utilizadas nas empresas. Máis información en https://www.campusdual.com/curso-full-stack/.
Campus Dual
Campus Dual é unha iniciativa innovadora para a capacitación, empregabilidade e inserción laboral que puxeron en marcha o Clúster TIC Galicia, Universidade de Vigo e Imatia Innovation, para contribuir a consolidar unha canteira de talento TIC na Comunidade.
Desde o pasado mes de setembro as tres entidades promotoras estiveron colaborando nun Posgrao de Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital, impartido na Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, no cal titulados de ADE, Dereito e outras carreiras, sen coñecementos previo en programación, están a formarse en empresas TIC de maneira remunerada e desenvolvendo proxectos reais.
Plan DigiTalent
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, impulsado pola Amtega en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, ofrece actividades, formación e especialización no ámbito dixital ao longo de todo o ciclo vital de persoa co fin de impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades do desenvolvemento profesional na economía dixital.