publicidade hoxe

O goberno galego pon en marcha a comisión de expertos para asesorar sobre a recuperación económica e minimizar o impacto da crise do COVID-19

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Goberno galego vén de definir os integrantes da comisión de expertos que vai a asesorar á Xunta sobre como minimizar o impacto da crise derivada do coronavirus e estar preparados para a recuperación económica. O obxectivo é que o órgano se reúna xa a vindeira semana de xeito telemático para empezar a traballar.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa se dirixiu aos membros da comisión para solicitarlles a súa participación e avanzarlles que o primeiro encontro terá lugar xa a vindeira semana. “Somos conscientes da necesidade de tomar a iniciativa para reactivar a economía e de adiantarse para estar preparados para afrontar unha difícil recuperación cando a situación sanitaria deixe de ser extraordinaria”, abundou na misiva.

Entre os participantes na comisión estarán os seguintes expertos económicos:

Ignacio Fernández Fernández. Membro do Corpo Superior de Inspectores de Facenda e profesor de Facenda Pública. Na actualidade é director xeral de Finanzas de Inditex.
Rosa Sánchez Yebra. Farmacéutica e funcionaria, é vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa e foi secretaria xeral do Tesouro e Política Financeira.
Fernando González Laxe. Doutor en Ciencias Económicas e Empresariais. Foi presidente da Xunta e é membro do comité executivo do Foro Económico de Galicia.
Emilio Bruquetas Serantes. Director xeral de Reganosa e membro da Asociación Española de Directivos.
Santiago Lago. Catedrático do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, tamén director do Foro Económico de Galicia
A maiores, tamén estarán representados os Círculo de Empresarios de Galicia, o Consello Galego de Economistas e a Asociación Galega de Empresa Familiar. Por parte da Xunta haberá representantes das Consellerías de Facenda, Economía, Medio Rural e Mar.

A comisión, aprobada na reunión do Consello do pasado 3 de abril, é un órgano asesor que se pon en marcha coa finalidade de estar preparados para, unha vez superado o coronavirus, iniciar unha recuperación paulatina da economía galega e do mercado laboral.

Entre outras cuestións, solicitarase apoio ao respecto da determinación do impacto económico que a emerxencia sanitaria e as medidas de restrición van ter na economía galega; posibles escenarios da saída da crise; avaliación do impacto das medidas económicas tomadas polas distintas administracións; e proposta de novas medidas económicas, laborais e fiscais para a reactivación.

“Queremos contar cos mellores para formar parte da comisión”, comunicoulle Feijóo a cada un dos membros, aos que convocou a incorporarse para que Galicia “sexa capaz de facer fronte a esta crise da mellor maneira posible”.

11 de abril de 2020 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.