Galicia lamenta a indefinición do Ministerio de Educación para establecer as condicións de promoción e titulación
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, instou hoxe ao Ministerio de Educación a definir os criterios de promoción e titulación, especialmente no caso de Educación Secundaria e Bacharelato. Para Galicia, faise preciso que o Goberno central, como órgano competente, estableza un marco normativo que garanta a igualdade de todo o alumnado á hora de pasar de curso e de titular, con independencia do territorio onde viva.
Así o puxo de manifesto na Conferencia Sectorial de Educación desenvolvida hoxe, na que a ministra do ramo, Isabel Celaá, presentou unha proposta de acordo para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019-20 e o inicio do 2020-21. O documento sinala que as autoridades educativas poderán flexibilizar de maneira excepcional durante este curso os criterios de promoción e de titulación “sen ter en conta as limitacións que afecten ao número de materias pendentes”.
Para a conselleira, deixar aberto o número de materias suspensas coas que se pode promocionar ou titular resultaría caótico, non só polas desigualdades que pode provocar entre territorios, senón mesmo entre centros educativos segundo a súa tipoloxía. Pomar fixo un chamamento a consensuar uns criterios homoxéneos ou que o Ministerio, como órgano competente, publique unha norma no Boletín Oficial do Estado, do mesmo xeito que se fixeron cambios normativos no ámbito da FP e das probas ABAU. Porén, o Ministerio optou por deixar nas mans das Comunidades Autónomas e dos equipos docentes a promoción do seu alumnado cos datos obxectivos dos dous primeiros trimestres e o carácter diagnóstico do terceiro trimestre.
Carmen Pomar expresou o acordo xeral de Galicia coa filosofía do documento remitido polo Ministerio canto ao desenvolvemento do terceiro trimestre, segundo o cal os centros educativos deberán aproveitalo para recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do alumnado. Tamén se recomenda o deseño de actividades globalizadoras e interdisciplicares, debidamente titorizadas, e a promoción do traballo colaborativo.
Canto aos currículos, programacións e actividades que conducen a unha titulación final de etapa, o profesorado deberá ter especialmente en conta esta circunstancia e flexibilizaranse e adaptaranse para axudar todo o posible a que o seu alumnado poida alcanzala.
Por outra banda, na xuntanza, o Ministerio insistiu en que o sistema educativo español mantén o curso escolar, sexa de xeito presencial ou non presencial. Neste sentido, Pomar apelou a que sexa o Ministerio quen concrete, a partir dos datos que lle traslade o Ministerio de Sanidade, se é posible e recomendable unha volta gradual ás aulas, sempre dándolle prioridade aos alumnos de 2º de Bacharelato. Nesta liña, a conselleira insistiu na petición de Galicia de coñecer os datos epidemiolóxicos por territorios para que as Comunidades Autónomas poidan tomar decisións.
Para Pomar, se a situación sanitaria o permite e atendendo tamén a criterios de benestar emocional, non se debe descartar un peche de curso presencial que facilite a despedida de alumnado e docentes. A titular de Educación agradeceu o esforzo colectivo que están a facer alumnos, profesores e familias e resaltou a necesidade de que desde as administracións, tamén dun xeito conxunto, se ofrezan respostas e as maiores certezas posibles ás cuestións que lles preocupan ás comunidades educativas de todos os territorios.
Finalmente, desde Galicia agradeceuse o envío de tarxetas con conexión a Internet para o alumnado de Bacharelato, pero insistiuse na necesidade de que o Goberno central poña en marcha un “verdadeiro plan de dixitalización educativa para o vindeiro curso, co obxectivo de estar mellor preparados de cara ao futuro”.