Feijóo avanza a licitación das obras da primeira fase do Gran Montecelo, cun investimento de 115 millóns de euros
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe tras a reunión do Consello da Xunta a autorización da licitación das obras da primeira fase do Gran Montecelo, en Pontevedra, cun investimento de 115 millóns de euros.
Logo de salientar que as obras desta primeira fase, que comezarán este mesmo ano, Feijóo precisou que o novo inmoble estará unido ao resto das instalacións do hospital Montecelo e nel centralizaranse servizos como a área de urxencias, a unidade de coidados intensivos, a hospitalización con ingreso e as especialidades de maior complexidade. Non caso da unidade de coidados intensivos, puxo de relevancia que se incrementa nun 36%, pasando do 20 a 35 camas.
Pola súa banda, a atención ambulatoria, explicou, prestarase nas instalacións actuais do Montecelo, aproveitando os investimentos realizados nos últimos anos, para adecualas aos servizos de cirurxía maior ambulatoria, cirurxía de curta estancia, a un hospital de día e a diversas consultas. E destacou que as urxencias concentraranse todas no novo edificio, cunha “única porta de Urxencias”.
Grazas a esta actuación, o Gran Montecelo disporá de 120 camas máis que a infraestrutura actual –e preto do 60% dos cuartos serán individuais-; aumentarase nun 92% o número de salas e postos de urxencias; e sumaranse un 49% máis de postos no hospital de día, que pasarán de 109 a 162.
Así mesmo, haberá salas de xogos, biblioteca, escola e cine na área de pediatría; a carteira de servizos experimentará un impulso importante cunha nova UCI pediátrica e cunha nova unidade de traballo, parto e recuperación do bloque obstétrico. E tamén haberá unha nova área de medicina nuclear, ademais de crearse un espazo único para as unidades de endoscopia multidisciplinar e diagnóstico biolóxico.
“Esta ampliación supón, sen ningunha dúbida, un antes e un despois para a sanidade pública na área de Pontevedra”, afirmou, subliñando que na actualidade nesta área estase a dando asistencia sanitaria hospitalaria a máis de 300.000 habitantes de 26 concellos que terán un novo hospital para os próximos 50 anos.
O presidente da Xunta destacou que esta obra foi definida polos propios profesionais do Sergas, con achegas de 300 traballadores, tras 120 reunións e 2.400 enquisas, aos que aproveitou para agradecer o seu compromiso durante o deseño.
Cómpre salientar que, logo desta primeira fase, levarase a cabo unha segunda que consistirá na reforma da actual edificación, cun investimento de 25 millóns de euros. Deste xeito, coas obras de ampliación e reforma, que suporán un investimento total de 140 millóns, o Gran Montecelo ampliará a súa capacidade contando cun 50% máis de superficie –de 79.500 a 118.000 metros cadrados-.
Feijóo concluíu a súa intervención avanzando a próxima finalización da remodelación integral do Hospital de Burela e resaltando que, na actualidade, están en marcha ademais a reforma e a ampliación do Hospital de Ferrol; que os hospitais de Ourense e Santiago contan con proxectos construtivos; que os de Barbanza, Verín e Cee con proxectos de ampliación; e que se continúa a traballar no proxecto de ampliación do Complexo Hospitalario da Coruña.