A Xunta traslada aos concellos información práctica sobre a nova normativa de xestión pública da auga que facilita as obras menores nas proximidades dos ríos de Galicia-Costa
A Xunta de Galicia vén de trasladarlle aos concellos información práctica sobre a nova normativa de xestión pública da auga que facilita a execución de obras menores de conservación e mantemento nas proximidades dos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica. Os cambios normativos permiten, entre outros, a realización de obras en fachadas, tellados ou cambios de ventás en vivendas próximas aos ríos coa presentación dunha declaración responsable e iniciar os traballos desde o momento da presentación da dita declaración.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle escritos aos alcaldes dos 181 municipios que teñen, total ou parcialmente, o seu territorio na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, acompañados de dípticos explicativos, nos que se lles dá conta das modificacións introducidas en determinadas disposicións en materia de augas, en vigor desde o pasado 23 de marzo. Trátase de disposicións referidas ás actuacións menores de mantemento e conservación na zona de policía e de dominio público hidráulico dos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
O Diario Oficial de Galicia do 3 de marzo publicou o novo decreto no que se introducen estas modificacións, de especial relevancia para as entidades locais polo seu impacto social, ao facilitarlle aos cidadáns a execución de distintas actuacións nas proximidades dos ríos coa declaración dunha declaración responsable, sen ter que agardar pola autorización de Augas de Galicia, como se viña requirindo ata o momento.
Así, desde o pasado 23 de marzo pódense executar, presentando declaración responsable, obras de pintado, revestimento e impermeabilización de fachadas, tellados ou cambios de fiestras nas vivendas que se atopen nas proximidades dos ríos, así como algúns traballos de conservación de infraestruturas viarias ou a execución de peches permeables de malla ou similares.
Ademais, como novidade, eses traballos menores na área dos ríos de Galicia-Costa poderanse iniciar desde o momento mesmo da presentación da declaración responsable, sen ter que agardar a autorización de Augas de Galicia. Isto suporá unha axilización nos trámites e na execución das obras, xa que ata agora para os traballos que estaban permitidos con declaración responsable esixíase un prazo de 15 días desde a súa presentación para poder iniciarse.
Co novo decreto estímase que arredor do 40% das preto de 1.200 solicitudes que recibe Augas de Galicia se poderán acoller á declaración responsable, axilizando as actuacións e evitando a espera de varios meses da tramitación dunha autorización.
O Goberno galego segue a traballar para ofrecer facilidades aos cidadáns, a través dunha simplificación administrativa que lles facilita a execución de obras menores nas proximidades dos ríos da demarcación Galicia-Costa de modo compatible coa protección dos leitos fluviais e das súas marxes.