publicidade hoxe

A Xunta traslada ao sector da construción que o IGVS e Xestur reactivaron 13 obras de rehabilitación en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha videoconferencia cos representantes da Federación Galega da Construción e da Cámara de Contratistas de Galicia para analizar as consecuencias que está a ter para este sector a declaración do estado de alarma polo COVID-19, así como as últimas medidas anunciadas polo Goberno central en materia de vivenda e as decisións adoptadas tamén neste sentido pola Xunta.

Unha vez retomada a actividade dos sectores produtivos non esenciais, entre os que se atopa a construción, Vázquez Mejuto explicoulles que o Consello da Xunta acordou reactivar máis de 500 obras en toda a comunidade, parte delas, dependentes do seu departamento. En concreto, trasladoulles que se retomaron un total de 13 obras de rehabilitación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da empresa pública Xestur que dan traballo a 200 persoas nas localidades de Betanzos, Lugo, Vigo, Pontevedra, Salvaterra de Miño, Arteixo, A Pontenova e Santiago de Compostela.

En todos estes casos, as actuacións foron reactivándose de forma paulatina desde o luns 13 de abril, unha vez levantada polo Estado a paralización da actividade non esencial e previa adopción das medidas de protección recomendadas, como o mantemento dun aforo dentro da obra de entre dous e tres traballadores. A este respecto, aproveitou tamén a xuntanza para lembrarlles que hai uns días o Issga publicou unha guía de prevención de riscos e seguridade laboral para resolver dúbidas e orientar ás empresas sobre as medidas de protección que deben adoptar co seu persoal.

En todo caso, a conselleira aclarou que algunhas obras de rehabilitación do IGVS aínda seguen paralizadas en cumprimento da instrución do Estado de non retomar aqueles traballos que afecten a edificios habitados, unha decisión que, indicou, está a ter xa un impacto económico sobre as empresas adxudicatarias.

De feito, os representantes de ambas entidades trasladáronlle á responsable autonómica que, segundo os cálculos do propio sector, hai uns 20.000 traballadores autónomos e de pemes afectados pola prohibición do Goberno de retomar os traballos a executar en inmobles habitados, polo que demandaron maior seguridade xurídica e claridade sobre o alcance do actual estado de alarma neste sector.

Obras Hurbe

Ademais de retomar un número importante das obras de rehabilitación dependentes do seu departamento, Ángeles Vázquez indicoulles aos construtores e contratistas galegos que nos últimos días se están a reiniciar paulatinamente as obras de humanización, mellora e renovación de elementos urbanos cofinanciadas entre Xunta e concellos ao abeiro do Plan Hurbe.

Durante a xuntanza, os representantes das empresas de construción e dos contratistas trasladáronselle á conselleira a inquedanza do sector polas contradicións e a falta de concreción do Goberno á hora de trasladarlle ao tecido produtivo algunhas das súas decisións, así como polas posibles repercusións económicas da aplicación do real decreto de 31 de marzo de medidas complementarias no ámbito social e económico fronte ao COVID-19.

Neste sentido e tras compartir as inquedanzas do sector, a conselleira lembrou que grazas ás subvencións do Plan Estatal de Vivenda, en Galicia xéranse cada ano preto de 3.000 postos de traballo, na súa meirande parte vencellados directamente ao sector construtivo.

Por iso, Ángeles Vázquez trasladoulles unha mensaxe de tranquilidade aos empresarios ao subliñar que a Xunta comprométese a non modificar o Plan de Vivenda e continuará a senda administrativa iniciada para seguir reactivando obras. Así, engadiu que a súa intención é destinar os preto de 42 millóns de euros asignados á comunidade neste plan para os anos 2020 e 2021 ás axudas e programas que xa están en marcha nestes momentos e dos que, lembrou, se benefician tamén parte das empresas representadas por ambas entidades.

Na mesma liña, insistiu en que non se pode modificar o contido do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 de forma unilateral e sen escoitar ás comunidades nin aos sectores produtivos implicados, e trasladoulles que por iso, esta mesma semana dirixiuse por carta ao ministro de Trasportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, para transmitirlle a súa oposición a que o Goberno utilice e desvíe fondos xa asignados e no caso galego comprometidos na súa maior parte, a financiar unha nova orde axudas dirixida aos mesmos colectivos vulnerables que se benefician dos programas previstos no devandito plan.

Por último, a conselleira comprometeuse tamén a axilizar todos aqueles trámites e permisos que entren no eido das súas competencias e, en especial, os relativos ás autorizacións ambientais que requiren determinadas obras. Así mesmo, tendeulle a man ao sector para colaborar na elaboración dun plan de investimentos claro e definido que facilite á volta á normalidade e axude a xerar confianza nas empresas nun contexto de grandes dificultades económicas.

15 de abril de 2020 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.