publicidade hoxe

A Xunta leva un menú para cada día da semana a máis de 1670 fogares durante a emerxencia sanitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia está a levar un menú nutritivo e equilibrado para cada día da semana a máis de 1670 fogares galegos durante a emerxencia sanitaria provocada pola pandemia de COVID-19. Faino a través do programa Xantar na casa, que se reforzou ao abeiro do Plan social de continxencia autonómico.

En circunstancias normais, o Xantar na casa destínase ás persoas maiores ou en risco de exclusión e préstase o servizo a través dun convenio entre a Xunta e os concellos. Non obstante, trala declaración da emerxencia sanitaria e coa suspensión das actividades dos centros de día e ocupacionais, a Consellería de Política Social puxo en marcha un Xantar na casa extraordinario para levar a comida a todas as persoas que o precisasen, especialmente ás que non contan cunha rede familiar de apoio.

Dentro dos 1670 domicilios onde chega o Xantar na casa, máis de 250 corresponden a novas incorporacións tralo reforzo extraordinario deste programa durante a pandemia, mentres que outras 1420 xa eran beneficiarios deste programa de xeito habitual.

Colaboración cos servizos sociais comunitarios

As solicitudes canalízanse a través dos servizos sociais comunitarios. Cando detectan algunha necesidade urxente xurdida durante o confinamento, trasládana á Xunta de Galicia, tanto directamente como a través do teléfono social 900 800 400 ou do correo electrónico atencionsocialemerxencia@xunta.gal.

O Xantar na casa tamén está á disposición das mulleres vítimas de violencia de xénero que precisan cubrir de modo urxente as súas necesidades de manutención. Estes casos xestiónanse a través da Secretaría Xeral da Igualdade, dependente da Vicepresidencia da Xunta.

O reforzo extraordinario deste programa beneficiou concellos como Vigo, onde se incrementou máis dun 50% o número de beneficiarios. Tamén se ampliou o servizo de Xantar na casa nos concellos de Outes, Porto do Son, San Sadurniño, Valdoviño, Lalín, A Rúa ou Barbadás e se puxo en marcha por primeira vez noutros municipios, como Cee, Val do Dubra, Alfoz ou Pereiro de Aguiar.

Plan social de continxencia
O Plan social de continxencia foi aprobado no primeiro Consello da Xunta trala declaración da emerxencia sanitaria. Ademais deste Xantar na casa extraordinario, puxéronse en marcha outras sete medidas. Inclúese dentro deste Plan o teléfono social que está á disposición das persoas que teñan dúbidas básicas, que necesiten acompañamento ou atención psicolóxica; o seguimento telefónico aos 14.400 usuarios de centros de día e ocupacionais ou o correo electrónico para a detección rápida de situacións de risco.

Tamén se reforzou coa axuda económica, posta en marcha conxuntamente coa Consellería de Educación, para os nenos con bolsa de comedor da súa escola infantil, colexio ou instituto; un Servizo de Axuda no Fogar (SAF) extraordinario cun investimento de 6 millóns de euros; a exención das cotas das prazas públicas en escolas infantís, centros de día e ocupacionais para a metade do mes de marzo e do mes de abril e a maior orde de axudas ás entidades sociais da historia de Galicia, de 18,3 millóns de euros.

23 de abril de 2020 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.