A Xunta lamenta que o Goberno rompa o consenso coas comunidades autónomas e non transfira a Galicia os 100 M€ que lle corresponden para formación
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, lamentou hoxe a decisión do Goberno de non asignar ningún tipo de fondo para políticas activas de emprego vinculadas á formación. Segundo dixo, isto supón que Galicia non poida acceder este ano aos preto de 100 millóns de euros que lle corresponderían para este fin, o que significa romper “o consenso, o diálogo e a corresponsabilidade” que o Executivo debía manter coas comunidades autónomas.
“É unha situación sobrevida que non entendemos e que vai supoñer unha perda de oportunidades”, asegurou o conselleiro. “Supón tentar limitar as competencias da comunidade autónoma, atacar o principio de suficiencia financeira e, polo tanto, é unha decisión que rompe calquera tipo de diálogo e de consenso nun contexto no cal o que necesitan os cidadáns é, precisamente, unha resposta conxunta das administracións”, enfatizou.
De acordo ao previsto, a Galicia vánselle atribuír 81 millóns de euros correspondentes ás partidas de emprego e modernización, pero non os fondos para formación. Estes fondos alcanzarían preto dos 100 millóns de euros este ano se no reparto final se aplicase un incremento porcentual similar a 2019. Non obstante, o Goberno decidiu non incluílos no reparto.
En palabras de Conde, esta decisión implica que os traballadores e as empresas non poderán acceder aos diferentes instrumentos que neste momento se estaban desenvolvendo conxuntamente para incrementar a competitividade do tecido empresarial: formación na Industria 4.0, na automoción, no naval, formación nas empresas, obradoiros ou programas integrados de emprego, entre outras iniciativas.
“O Goberno rompe as oportunidades para que Galicia e o seu tecido produtivo poidan saír desta situación en mellores condicións desde o punto de vista económico e, tamén, desde o punto de vista social”, lamentou Conde, para remarcar que “a mellor política social que podemos desenvolver é unha política de emprego, e denegando a Galicia 100 millóns de euros se lle están denegando oportunidades aos traballadores e ás empresas, provocando unha situación preocupante cara ao futuro”.
Transparencia e seguridade xurídica
En relación ás dúbidas xeradas polo decreto que establece o cese das actividades industriais non esenciais, o conselleiro subliñou que o Goberno debe trasladar con transparencia e, sobre todo, con seguridade xurídica, que actividades se poden desenvolver.
Nese sentido, lembrou que onte mesmo a Xunta lle trasladou á Delegación do Goberno en Galicia unha serie de actividades que na Comunidade se consideran esenciais e que serían compatibles co desenvolvemento do decreto. Unha solicitude que se produce tras enviar tamén o pasado luns sendas cartas tanto á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, como ao secretario xeral de Industria e da Peme, Raúl Blanco, para que aclarasen todas as dúbidas recollidas entre os distintos sectores económicos galegos.
Conde apuntou que a Xunta espera ter unha resposta “igual que se lle está trasladando a outras comunidades autónomas”. Segundo dixo, é imprescindible para que o tecido produtivo galego poida desenvolver a súa actividade con total seguridade e atender os seus compromisos no mercado internacional dando cumprimento ao decreto aprobado polo Goberno e colaborando, ao mesmo tempo, na contención do virus.