O Sergas achegará preto de medio millón de euros á USC para a formación de matronas
O Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) acordaron subscribir un convenio para garantir o desenvolvemento do programa de formación da especialidade de Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica (matrona). O Sergas vai achegar un total de 488.400 euros a repartir entre os anos 2019, 2020, 2021 e 2022, a razón de 122.100 euros anuais.
Con este acordo, o Sergas asume a titularidade da unidade docente de Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica de Galicia, que conta con 20 prazas acreditadas. A oferta anual de prazas será formulada polo Sergas, de acordo coa capacidade docente da unidade, a dispoñibilidade orzamentaria e a demanda estimada de profesionais.
O convenio terá unha vixencia de catro anos, podendo prorrogarse por outros catro anos máis.
No transcurso da xuntanza desta mañá, o Sergas e a USC revisaron o acordo asinado en 2017 para a creación de 12 prazas de profesor universitario en áreas de Ciencias da Saúde. Por este acordo, o Servizo Galego de Saúde achega 958.231 euros no período 2017-2021 para 6 prazas de profesor asociado na área de Medicina (Neuroloxía, Neumoloxía, Dixestivo, Medicina Interna, Reumatoloxía e Alergoloxía); 4 prazas de profesor asociado na área de Pediatría; unha praza de profesor asociado na área de Cirurxía (Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía) e unha praza de profesor asociado na área de Medicina Preventiva e Saúde Pública
Tanto o Sergas como a USC, subliñaron que, se ben no momento de asinar o convenio as áreas anteriormente citadas eras as máis deficitarias de profesionais, a experiencia durante a execución do convenio amosou que as necesidades asistenciais e de docentes están a mudar cada curso académico. Por este motivo o Sergas e a USC engadiron ao convenio inicial a posibilidade de modificar, de común acordo, a distribución das especialidades médicas no caso de que “xurdan necesidades asistenciais e docentes que así o aconsellen”.