publicidade hoxe

O novo edificio xudicial da Parda dota a Pontevedra de 23.000 m² máis para un mellor servizo e que beneficiará a todo o partido xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na inauguración do novo edificio

O presidente galego na inauguración do novo edificio

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso da Xunta con Pontevedra coa entrega do novo Edificio Xudicial da Parda que dota á cidade de 23.000 metros cadrados máis para un mellor servizo e que beneficiará a todo o partido xudicial, onde viven medio millón de persoas.

Durante a inauguración desta nova infraestrutura xudicial, Feijóo recordou a complexidade da obra que permitirá, entre outras cousas, solucionar os actuais problemas de espazo das unidades xudiciais da cidade. Así, e cun investimento de máis de 21 millóns de euros, polas súas seis plantas repartiranse diversos servizos: a planta baixa e a primeira albergarán o rexistro civil, as 16 salas de vistas, os despachos para avogados, procuradores e traballadores sociais ou o servizo común de actos de comunicación; e, no resto de plantas situaranse os xulgados con capacidade para 28, se ben inicialmente estarán activos 14 (5 de primeira instancia, 2 do mercantil, 4 do social e 3 do contencioso administrativo). Ademais de contar con dous andeis de soto cun aparcadoiro para os traballadores e cos arquivos, entre outras dependencias.

Ao longo do acto, o titular do Executivo autonómico lembrou que esta obra forma parte do Plan de infraestruturas xudiciais posto en marcha co obxectivo de mellorar as instalacións existentes e prever as necesidades estruturais da planta xudicial galega para o futuro. Un plan cuxo investimento superou xa, nesta última década, os 115 millóns de euros, “o maior investimento feito na Administración de xustiza, desde que a Comunidade galega administra as súas competencias”, abundou.

Se ben as infraestruturas son unha liña de actuación importante, Feijóo lembrou que non é a única que se está a abordar desde a Administración autonómica, referíndose ao importante esforzo que se está a realizar no equipamento informático para mellorar a xestión diaria da Xustiza, a través do Plan Senda que, cun investimento 50M€ fai posible que o 90% das salas de vistas dispoñan de sistemas de gravación de vistas con sinatura dixital e que, desde o ano 2017 a totalidade de sedes xudiciais da Comunidade dispoñan de sistemas de videoconferencia. “Ou que tamén estamos a apostar por un novo modelo máis avanzado de salas de vistas, que poden funcionar de xeito integramente dixital”, engadiu, precisando que Galicia conta xa con 10 e este ano incorporaranse 30 máis.

Ademais do eido tecnolóxico, o responsable autonómico resaltou o investimento no mobiliario xudicial, cun plan de renovación de aquí a 2021 de 4,7 millóns. “Para Pontevedra, entre este edificio que inauguramos hoxe e os dous xa existentes investiranse case 2 millóns de euros neste ámbito”, avanzou, referíndose tamén a aposta por novos modelos para resolver os procesos como a mediación intraxudicial nos procesos de familia, para o que xa se ten destinado case 1,5 millóns de euros.

Feijóo concluíu aseverando que nesta lexislatura os proxectos comprometidos coa cidade do Lérez estarán executados ou en execución, o que implica un investimento de máis de 200 millóns de euros. Así, ademais desta nova infraestrutura e do Edificio Administrativo de Benito Corbal, que xa están rematados, lembrou o compromiso no eido sanitario coa ampliación do Hospital Montecelo, coa aprobación a finais de xullo dun proxecto sectorial, dotado con preto de 140 millóns de euros. “E agardamos que a intermodal estea completada a finais de 2020”, engadiu.

3 de setembro de 2019 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.