publicidade hoxe

O DOG publica a declaración BIC do Arquivo Fotográfico Vidal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) o Arquivo Fotográfico Vidal, custodiado no Museo do Mar de Laxe (A Coruña), pola súa relevancia histórica, artística e documental.

O decreto implica a súa máxima salvagarda e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección. Neste sentido, permitirase o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración autonómica para a realización dos informes necesarios para a súa conservación. Así mesmo, establecerase un réxime de visita para o público de, polo menos, catro días ao mes.

Este arquivo, catalogado por temáticas e ámbitos xeográficos que abranguen as comarcas de Soneira e Bergantiños, realizadas por Plácido Vidal Díaz e José María Vidal García, pai e fillo respectivamente, desde finais do século XIX ata os anos 70 do pasado século, constitúe un testemuño gráfico e documental de moito interese para coñecer os costumes, a paisaxe, os oficios, a pesca, a vida política e social ou a moda desta zona da Costa da Morte.

Integrado como fondo singular no arquivo municipal de Laxe, está formado por 43.475 fotografías en soporte plástico, 5886 fotografías en vidro e 10.306 en papel, o que supón un total de 59.667 fotografías, sendo sobresaínte a súa importancia como fonte de información, tanto para a realización de estudos da evolución da propia técnica ao longo do tempo como para a realización de estudos de historia económica, política, social ou da historia da arte.

Protección do patrimonio

Galicia conta cun rico patrimonio cultural constituído por bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, deben ser estudados e considerados para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. As políticas impulsadas desde o Goberno autonómico están a permitir que nos últimos anos este patrimonio sobranceiro mantivera un bo nivel de salvagarda. Neste sentido, nos últimos meses téñense dado importantes avances na declaración de elementos singulares da nosa Comunidade como Ben de Interese Cultural, outorgándolles un grao de protección especial, como as nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo, a Cova Eirós, as técnicas construtivas da carpintería de ribeira, a ampliación dos muíños do Folón e do Picón ou a Ribeira Sacra o ano pasado.

18 de setembro de 2019 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.