publicidade hoxe

O Centro Galego de Artes da Imaxe abre nova temporada cunha semana dedicada ao cinema de Carlos Saura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura e Turismo inicia mañá a súa temporada de actividade 2019-2020 cun ciclo de sete películas dirixidas por Carlos Saura, organizado en colaboración co Amigos da Ópera da Coruña e en coincidencia coa presenza na cidade do cineasta pola súa participación na posta en escena do Don Giovanni de Mozart no Teatro Colón.

Con este motivo, a sala da cinemateca galega ábrelle de novo as portas ao público, cos seus horarios e tarifas habituais, contribuíndo á difusión da obra do recoñecido e polifacético autor oscense, considerado por moitos discípulo de Luis Buñuel e unha das figuras máis relevantes do audiovisual español. Para iso está preparada unha variada escolma dos seus filmes que abrangue títulos rodados entre 1964 e 1999.

Así, baixo o título xenérico Esenciais: Carlos Saura, mañá martes poderase ver Llanto por un bandido, a súa segunda longametraxe, coa particularidade de que a fita se presentará cos créditos orixinais recuperados o pasado ano. Trátase de tres minutos que se engaden á metraxe ata entón coñecida e nos que se inclúe a escena, censurada na época, do verdugo interpretado por Buñuel. La caza, El Dorado, Cría Cuervos, ¡Ay, Carmela!, Deprisa, deprisa e Goya en Burdeos completan a retrospectiva que se se desenvolverá ata o sábado 14.

A demanda do público

Seguindo coa súa carteleira bimestral, o CGAI dedicaralle por primeira vez un ciclo integrado a Alfred Hichcock, cunha primeira entrega ata finais de outubro de 10 dos filmes realizados ou centrados no mestre americano do suspense. Será a quenda inicial dunha ampla carteleira que continuará en novembro ata proxectar 20 fitas. O martes 17, Universo Hitchcock arrancará co documental Hitchcock/Truffaut, de Kent Jones, e ofrecerá ao longo das vindeiras semanas títulos tan emblemáticos como Rebeca, Atrapa a un ladrón, Sabotaje, 39 escalones, Con la muerte en los talones, Psicosis, Recuerda, El enemigo de las rubias e Encadenados, ademais de 78/52: la escena que cambió el cine, de Alexandre O. Philippe, que aborda a famosa secuencia do apuñalamento da ducha en Psicosis.

A programación deste ciclo organizouse en resposta ao resultado das enquisas realizada ao público do CGAI, que elixiu maioritariamente a filmografía de Hitchcock como favorita para a súa reposición, ademais de propoñer a proxección de Roma, o éxito de Alfonso Cuarón, que se poderá ver tamén na sala da rúa Durán Loriga o 31 de outubro.

Tanto Roma como a preestrea de Diecisiete, de Daniel Sánchez Arévalo (17 de outubro) e a restauración do proxecto inconcluso de Orson Welles Al otro lado del viento (24 de outubro) derivan dunha nova liña de colaboración emprendida entre o CGAI e a plataforma Netflix.

A carteleira bimestral da Filmoteca de Galicia comprende outras moitas citas, como dúas películas gañadoras dos premios portugueses Sophia 2019 (acción conxunta coa Academia Galega do Audiovisual) e cooperacións cos festivais audiovisuais Diversidarte, Novos Cinemas, Intersección e FKM Festival Internacional de Cinema Fantástico da Coruña. Como vén sendo habitual nos últimos anos, este certame terá unha das súas sedes no CGAI do 15 ao 19 de outubro.

Día Mundial do Patrimonio Audiovisual

O CGAI sumarase tamén á celebración o 27 de outubro do Día Mundial del Patrimonio Audiovisual, promovido pola UNESCO, coa programación de distintas proxeccións arredor desa data. Entre elas, o 26 de outubro e dentro da sección organizada por Antón Reixa Pensando en cine, pensando en Galicia, contarase coa presenza do escritor Fernando Redondo Neira, cuxo último ensaio, Os amorodos de Bergman, céntrase nunha serie de materiais recuperados polo CGAI, o fondo documental da Sociedad de Amigos del Campo (1925-1934), un traballo de dixitalización que se amosará publicamente por vez primeira.

No marco desta mesma conmemoración, o 29 de outubro pasarase tamén a montaxe elaborada por Filmoteca Española Diario del exilio, a partir de materiais realizados por persoas afeccionadas, na liña do estreado o pasado ano Vestigios en Súper 8.

Para toda a información sobre a programación completa e os seus horarios, pode consultarse a páxina web www.cgai.xunta.gal.

9 de setembro de 2019 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.