publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 100.000 euros en actualizar e revisar o Plan Especial do Casco Histórico de Corcubión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCorcubiónLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará un total de 100.000 euros para acometer a revisión do Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico (Pepoch) de Corcubión, que en 1991 foi o primeiro concello galego en dotarse dun instrumento deste tipo.

Así figura no convenio de colaboración asinado esta mañá entre a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde deste municipio coruñés, Manuel Ínsua, en virtude do cal o departamento autonómico comprométese a asumir o 100% do custo dos traballos de revisión e actualización do Pepoch, un paso que o concello estaba obrigado a dar tras a aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016.

Co obxectivo de que o novo plan poida ser aprobado no ano 2022, Vázquez Mejuto enmarcou o compromiso adquirido pola Xunta hoxe a través do acordo de colaboración asinado na necesidade de garantir a “máxima protección e ordenación” dos casos históricos das vilas e cidades galegas. Cómpre lembrar que o pasado mes de xullo a conselleira asinou tamén un convenio co Concello de Betanzos para revisar o seu Pepoch e adaptalo ao marco normativo vixente.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que na comunidade só hai tres municipios cun plan especial anterior a 1995 e que a estas alturas aínda non iniciaron a súa actualización: Betanzos, Corcubión e Mondoñedo. E avanzou que nos tres casos o seu departamento achegará o financiamento necesario co fin de axudar a estes municipios a cumprir coa súa obriga e garantir a máxima protección así como a recuperación dos seus centros históricos.

Na mesma liña, lembrou que esta foi tamén a razón que levou á Xunta no ano 2010 a convocar, por primeira vez, axudas dirixidas de forma específica á protección de zonas históricas en municipios pequenos. Desde entón, 20 concellos se beneficiaron das mesmas por un importe de máis de tres millóns de euros.

Os Pepoch, unha garantía de futuro

A finalidade deste tipo de plans especiais, tal e como lembrou a responsable autonómica de Medio Ambiente, é estudar os espazos que se localizan dentro dun determinado casco histórico para garantir o seu futuro, que permanezan activos, ofrezan servizos e revitalicen as cidades e vilas nas que se atopan, coa posibilidade de definir novos usos e conservar e poñer en valor todo aquelo que defina o propio plan.

Neste sentido, a conselleira subliñou a importancia destes instrumentos de protección, que son acordes aos obxectivos que se ten fixado a Xunta para a conservación e fomento dos cascos históricos a través do impulso dunha serie de medidas, actuacións e axudas en materia de vivenda nestas zonas.

Concretamente, Vázquez Mejuto referiuse á nova liña de subvencións posta en marcha este ano para apoiar aos mozos galegos na compra de vivendas localizadas en centros históricos. Esta axuda, lembrou, será aplicable tamén no Concello de Corcubión, onde os interesados en adquirir un inmoble destas características terán de prazo ata o 31 de outubro para optar a este programa ou ben, se o prefiren, acollerse á liña de axudas dirixida aos menores de 35 anos para a compra de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Ademais destas subvencións para adquisición, a conselleira de Medio Ambiente tamén explicou que o seu departamento dispón de diferentes liñas destinadas á rehabilitación de inmobles de tal xeito que se un mozo compra unha vivenda localizada nun casco histórico e necesita rehabilitala, poderá recibir tamén apoio económico da Xunta con esta finalidade, ademais de beneficiarse dunha dedución autonómica do 15% na declaración da renda, a aplicar sobre as cantidades investidas e cun límite de 9.000 euros.

No casco histórico de Corcubión tamén hai unha Área de Rehabilitación Integral (ARI), declarada no ano 2003 e grazas á cal xa se investiron nesta zona preto de 560.000 euros en actuacións rematadas e están comprometidos máis de 320.000 euros para acometer novas obras de rehabilitación e urbanización. Así mesmo, como subliñou a conselleira, o municipio coruñés é un dos 126 que forman parte da ARI dos Camiños de Santiago xa que a ruta de Fisterra a Muxía atravesa o seu territorio e, polo tanto, o concello tamén ten a posibilidade de optar a estas axudas ata o 31 de outubro.

En total, Ángeles Vázquez lembrou que o seu departamento mobilizará este ano 53,5 millóns de euros en 17 liñas de axudas en materia de vivenda, dos cales 26,6 millóns destinaranse a facilitar operacións de compra de inmobles e os 26,9 millóns restantes a rehabilitación, co obxectivo final de conceder preto de 9.550 subvencións a particulares, comunidades de veciños, concellos e promotores.

2 de setembro de 2019 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.