publicidade hoxe

Medio Ambiente desbloquea as obras do tramo Melide-Palas de Rei da Autovía Santiago-Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaLugoMelidePalas de ReiPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desbloquea as obras do treito Melide-Palas de Rei da Autovía Santiago-Lugo (A-54). A Dirección Xeral de Patrimonio Natural vén de emitir o Informe relativo á proposta de modificación do trazado en planta e alzado deste proxecto viario que vai desde o punto quilométrico 1+500-5+000.

A modificación que plantexa o promotor desta actuación consiste en abordar solucións enfocadas a axustar o trazado en planta e alzado, adaptándoo ao terreo e adoptando un ancho de mediana convencional para minimizar a súa ocupación e reducir as afeccións sobre a Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Careón.

A alternativa que vén de ser informada por Patrimonio Natural contempla: a supresión do viaduto do Careón, fundamentada nas diversas prospeccións realizadas sobre os valores naturais, que se traduce nunha redución da ocupación en planta de 18 metros, e a variación do trazado en alzado, maximizando a súa adaptación ao terreo; polo que ambos axustes reducen a ocupación da autovía sobre a ZEC e inciden no deseño do viaduto do Río Seco, que pasa a configurarse como unha única estrutura apoiada en pilas centrais, o que minimiza as ocupacións e afeccións sobre esta parte da ZEC.

Así, esta nova opción tería unha incidencia positiva sobre as poboacións de serpentinófitos presentes na zona, pois unha diminución das ocupacións da autovía traduciríanse nunha redución das afeccións, así como nun aumento da superficie dispoñible para a posta en práctica das medidas de reforzo poboacional.

Nese sentido, o informe tamén sinala a necesidade de extremar as precaucións sobre o medio con medidas para a protección da flora, polo que se elaborou para todo o tramo un plan e programa de reforzo pobaoacional para a reintrodución de especies de flora serpentínica afectadas dentro do ámbito de ocupación da obra, onde se contempla a traslocación de individuos afectados, a conservación ex situ de xermoplasma, o seguimento e control das especies exóticas invasoras e o seguimento da flora ameazada.

17 de setembro de 2019 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.