publicidade hoxe

Galicia e Polonia estreitan lazos de colaboración para converter este país nun destino prioritario de investidores galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Galicia e Polonia acordaron estreitar lazos de colaboración

Galicia e Polonia acordaron estreitar lazos de colaboración

Galicia e Polonia acordaron hoxe estreitar lazos de colaboración para converter este país nun destino prioritario de investidores galegos. Así se desprende dunha xuntanza do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, coa ministra de Ciencia e Tecnoloxía polaca, Jadwiga Emilewicz, logo da súa participación no Seminario Galicia: investimento, talento e innovación.

Durante a xornada, que se completará cunha reunión este mediodía co Secretario de Estado, Marcin Ociepa, Feijóo tivo ocasión de expoñer a experiencia e a bagaxe que acumula o tecido industrial galego como principais aliados para poder seguir tendendo pontes que conecten, máis e mellor, Galicia e Polonia. E lembrou, que este país foi o ano pasado o oitavo destino mundial para os produtos galegos, con exportacións que aumentaron un 13% en 2018.

Máis polo miúdo, e durante a súa intervención no seminario, Feijóo subliñou que Galicia é hoxe unha das comunidades que máis crece en España e unha das que teñen unha economía con máis vocación exportadora. “A Galicia de hoxe pechou 2018 cun crecemento superior ao de España e reduciu o desemprego tamén en maior medida”, dixo, facendo fincapé en que isto é posible en boa medida grazas á aposta pola innovación, conscientes máis que nunca da necesidade de innovar para ofrecer un produto diferenciado.

“Tanto a industria galega como a Xunta estamos poñendo todos os nosos esforzos en potenciar a innovación; é dicir, a colaboración entre empresas, os 28 centros tecnolóxicos galegos e as tres universidades”, precisou, aseverando que o obxectivo é establecer unha ponte entre os resultados da investigación científico-tecnolóxica e a industria para que iso se traduza en novos produtos e servizos que levar ao mercado.

Deste xeito, o titular da Administración autonómica referiuse aos fitos que consolidan a comunidade como destino serio, capaz e cun enorme potencial en determinados sectores, como o naval. Ao respecto, subliñou que, neste eido, a comunidade consolidou o seu liderado este primeiro semestre do ano e conta coa maior carteira de pedidos de España e a segunda maior de Europa –só por detrás de Holanda-. “Nos estaleiros galegos constrúense buques e fragatas da máis alta tecnoloxía e eficiencia, destinados a países de todo o mundo. E en augas de Alemaña e o Reino Unido estanse construíndo os primeiros parques eólicos mariños do mundo, cuxas estruturas flotantes se fabrican nos nosos estaleiros”, explicou, incidindo en que o naval galego é un sector especializado e punteiro co que Polonia pode contar para a anunciada renovación da súa Armada, cun investimento de 4.200 millóns.

E, no ámbito da construción, o titular da Xunta lembrou que empresas galegas xa recibiron encargos deste país e reiterou que o bo facer pode convertelas en aliadas para a creación e renovación de infraestruturas que Polonia está a acometer grazas aos fondos europeos.

Así mesmo, resaltou que a primeira multinacional téxtil do mundo naceu en Galicia; o primeiro coche autónomo que percorreu as estradas españolas, fíxoo entre Vigo e Madrid, dotado dunha tecnoloxía subministrada pola factoría galega do grupo PSA-Opel e o Centro Tecnolóxico da Automoción Galego; e Galicia conta con 130 empresas do sector do automóbil e PSA Peugeot Citröen é a segunda planta con máis produción de España.

“No eido da aeronáutica contamos cun centro de desenvolvemento de avións non tripulados, no que depositaron a súa confianza multinacionais do sector e, tamén, albergamos un sector TIC con case 2.600 empresas que en 2017 superou unha facturación de máis de 2.500 millóns. Ademais dun sector agroalimentario composto por case 2.300 empresas e con produtos de calidade cada vez máis valorados polos mercados internacionais”, dixo, resaltando sobre este último punto que as exportacións agroalimentarias a Polonia alcanzaron en xuño os 11,3 millóns de euros, un 31% máis que o ano anterior.

Aposta pola estabilidade

Outra das claves que fixo posible todo isto foi, segundo Feijóo, é a posta dos galegos pola estabilidade. “Unha estabilidade que descansa en tres piares: a democracia española, a autonomía de Galicia e a Unión Europea”, matizou, recordando que a capacidade de autogoberno permite establecer políticas que se adaptan ás necesidades da sociedade e da economía, como por exemplo a redución de trabas administrativas ás empresas e a baixada substancial da carga fiscal.

“Hoxe é máis fácil investir en Galicia que nunca antes”, aseverou, insistindo na oportunidade que isto supón para tender pontes entre as empresas galegas e polacas, xa que moitas comparten a súa especialización en sectores clave como a automoción ou o naval.

“Galicia é un gran escenario para desenvolver proxectos, porque conta cunha Administración que non obstaculiza o progreso económico e ofrece estabilidade e seguridade xurídica; conta cunha posición xeoestratéxica privilexiada como porta de saída ao mercado lationoamericano e co seu potencial como plataforma loxística do sur de Europa; e con máis facilidades para investir a nivel de infraestruturas e loxística, con 3 aeroportos e 5 portos internacionais, 100 polígonos industriais e case 1.500 quilómetros de vías de altas prestacións”, abundou.

O presidente da Xunta referiuse tamén a outro dos obxectivos desta visita: o turismo e a unha das principais oportunidades que Galicia ten para seguir prosperando nos próximos anos, o Xacobeo 2021.

Sobre este punto, trasladou que os galegos apostamos por unha fórmula que combina cultura, acougo e dose de espiritualidade a través do Camiño de Santiago, primeira ruta de peregrinación europea. E avanzou que a vindeira celebración suporá unha eclosión de iniciativas que implican a toda a comunidade e non só ao sector hoteleiro ou hostaleiro.

“Aspiramos a que o visitante de hoxe sexa o noso embaixador do mañá”, afirmou, propoñendo aos asistentes a que coñezan mellor Galicia, non só como territorio apto para o investimento senón tamén como unha terra que visitar con atractivos como o termalismo e a paisaxe.

Feijóo non quixo rematar a súa intervención sen facer referencia ao falso dilema que, na súa opinión, se establece entre globalización e protección de determinados sectores ou territorios.

Ante o risco evidente de que a economía global fracture as nosas sociedades e ofreza escusas aos inimigos da liberdade económica e política, avogou por regular mellor a globalización, xa que “facer do mundo a nosa casa –sostivo- supón que os que vivamos nela teñamos normas parecidas, de forma que ninguén se sinta un simple hóspede”.

9 de setembro de 2019 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.