publicidade hoxe

Galicia e Andalucía sentan as bases para mellorar e impulsar a Vía da Prata coa vista posta no Xacobeo 21

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía sentaron hoxe as bases para promover accións conxuntas que permitan impulsar a Vía da Prata coa vista posta no Xacobeo 21. Nun encontro mantido en Sevilla entre o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a consejera andaluza de Cultura e Patrimonio, Patricia del Pozo, acordaron estudar a posta en marcha dunha batería de medidas que permitan estender o coñecemento desta ruta entre a sociedade, mellorar a sinalización e o estado do trazado ou promover accións culturais conxuntas para a súa promoción, entre outras iniciativas.

Os responsables de Cultura das comunidades na que comeza e remata este itinerario coincidiron á hora de sinalar a Vía da Prata como unha ruta cun “enorme potencial de crecemento”, especialmente ás portas do vindeiro Ano Santo. Así, entre as súas calidades destacaron o seu clima favorable nas estacións frías, converténdoa nunha ruta adecuada para os meses da primavera e o outono, ou as súas condicións óptimas para os peregrinos que realizan a ruta a cabalo e en bicicleta, sumado ás sinerxías cos trazados que percorren Portugal. Ademais, trátase dunha ruta vinculada a destacadas cidades e recursos arquitectónicos e artísticos distinguidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.

Neste sentido, e para poñer en valor as particularidades desta ruta, Román Rodríguez e Patricia del Pozo acordaron medidas para mellorar o estado, a sinalización e os servizos da Vía da Prata en Galicia e Andalucía, para favorecer as peregrinacións en grupo entre colectivos como escolares ou asociacións ecuestres dous territorios ou iniciativas para promocionar Sevilla como punto de partida desta ruta e para difundir o Camiño de Santiago nesta Comunidade Autónoma. Exploraron, ademais, promover iniciativas culturais conxuntas centradas neste trazado entre as que figura a creación de guías, materiais audiovisuais ou mesmo unha exposición itinerante.

Encontros coas administracións implicadas

Os titulares de Cultura salientaron o “clima de entendemento” entre ambas administracións co fin de impulsar a Vía de Prata, especialmente ante a “oportunidade” que suporá o próximo Xacobeo 21. Precisamente, ambos dirixentes lembraron o “forte vínculo” entre Andalucía e Galicia a través do Camiño de Santiago, xa que é a Comunidade que máis peregrinos achega á Ruta Xacobea con preto de 31.000 en 2018. Ademais, Román Rodríguez e Patricia del Pozo abriron a porta a manter no futuro novos encontros para a promoción desta ruta nos que tamén participen representantes de todas as administracións implicadas na promoción e difusión do trazado. Subliñaron, así mesmo, que podería converterse nun gran axente dinamizador de zonas rurais, como xa sucede noutros Camiños que atravesan poboacións con problemas demográficos e que reciben un estímulo de desenvolvemento.

Román Rodríguez lembrou que as accións acordadas durante o día de hoxe se sumarán aos investimentos que o Goberno galego realiza este ano nesta ruta con tres millóns de euros para a mellora e sinalización do trazado, ao que se engaden accións de promoción e dinamización como o ciclo de concertos Camiños Sonoros. Así mesmo, o conselleiro de Cultura e Turismo avanzou que o Goberno galego manterá o seu impulso á Vía da Prata grazas ao seu “compromiso decidido”.

3 de setembro de 2019 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.