publicidade hoxe

Feijóo destaca a creación dun grupo de traballo interdepartamental para a análise e o seguimento do brexit

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello a creación dun grupo de traballo interdepartamental para a análise e o seguimento do proceso de retirada do Reino Unido da Unión Europea, “tanto do posible proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea como das súas consecuencias, dos seus efectos e das súas incidencias en Galicia”, precisou.

Así, Feijóo explicou que entre os seus obxectivos destacarán: a avaliación do impacto do brexit na Comunidade; instar as medidas necesarias para minorar o seu impacto; requirir ante as autoridades competentes a solución dos problemas que se detecten; e a posta en valor dos mecanismos de información xa existentes no marco da Administración autonómica.

Sobre este punto, o titular do Goberno galego lembrou que a Xunta leva tempo traballando para avaliar os posibles efectos do brexit, remitindo en 2017 unha análise do seu impacto ao Parlamento e realizando varios informes específicos das posibles repercusións que puidera ter no sector pesqueiro. Ademais de coordinar un grupo de traballo específico dentro da Comisión do Arco Atlántico; desenvolver un papel activo no Comité Europeo das Rexións, organismo que traballa para subliñar a repercusión que podería ter o brexit en municipios e rexións; e asinar un memorando de cooperación co País de Gales para tratar de mitigar os seus efectos.

Nesta mesma liña, Feijóo referiuse tamén á creación do Foro galego do brexit, un observatorio para seguir todo este procedemento e as súas posibles consecuencias; e á posta en marcha dunha plataforma dixital, coordinada polo Igape e dirixida ás empresas galegas interesadas en solicitar unha diagnose da súa situación e de como deben actuar.

“En definitiva, fixemos os deberes, pero temos que intensificalos”, abundou, subliñando que este grupo de traballo estará formado por: unha presidencia, que recaerá no vicepresidente da Xunta; unha vicepresidencia, que será asumida polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria; e polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que exercerá de secretario do grupo.

Ademais, o presidente da Xunta subliñou que tamén forman parte do grupo as consellerías de Facenda, Educación, Universidade e Formación Profesional; Cultura e Turismo; Sanidade; Medio Rural e Mar, así como a Secretaría Xeral de Emigración.

En Galicia, o brexit tería unha especial incidencia, dixo, no sector pesqueiro, pois os seus efectos recaerían sobre 110 buques, 96 empresas e 700 tripulantes. Así mesmo, tendo en conta que o Reino Unido é un dos principais destinos das exportacións galegas, a saída influiría nos sectores do téxtil, automoción, agroalimentario, pedra, lousa, bens de equipo e produtos enerxéticos, ademais de afectar aos 15.000 galegos e galegas que residen neste territorio.

“En definitiva, trátase de estar preparados dentro das nosas competencias estatutarias para saber o que temos que facer e trátase tamén de participar, sempre que o Estado o solicite, nas distintas comisións sobre o brexit creadas polo Goberno central”, engadiu, e concluíu sinalando que a saída “sería unha moi mala noticia, en primeiro lugar para os británicos e, en segundo lugar para o proxecto europeo”, polo que agarda “que non se confirme nas próximas semanas”.

5 de setembro de 2019 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.