A Xunta multiplicou por dez a súa achega a Padre Rubinos desde 2009
A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou que a Xunta de Galicia multiplicou por dez desde 2009 a súa achega á Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos. Fíxoo esta mañá na inauguración da exposición sobre o traballo desta entidade nas dependencias de San Caetano dentro do ciclo de mostras Olladas Inclusivas. Fabiola García explicou que o Goberno galego mantén unha liña de colaboración aberta con esta entidade, á que este ano se lle achegaron máis de 930.000 euros.
Destacou algunhas das accións que realiza a entidade nas súas instalacións grazas á colaboración do Goberno galego, tales como o programa de actividades, o centro de día, o servizo de estadías nocturnas na zona de dormitorios, o servizo de roupeiro ou de comedor, que diariamente atende a máis de 400 persoas.
Ademais, a conselleira recordou que Padre Rubinos leva 100 anos axudando a aqueles que máis o precisan. Por iso, garantiu o apoio da Xunta aos programas desta asociación, que facilitan a integración social e laboral das persoas, a conciliación da vida persoal e laboral e a cobertura de necesidade sanitarias, residenciais e alimentarias daqueles que se atopan nunha situación de desprotección.
Sexta exposición
A exposición de Padre Rubinos é a sexta do ciclo Olladas Inclusivas. Antes dela, estivo ilustrado nesta mostra o traballo da Rede Galega contra a Pobreza, da Fundación Secretariado Xitano, de Cruz Vermella, da asociación Terra e Xente e de Cáritas. Por este ciclo de exposicións rotatorias pasarán nos vindeiros meses outras tres entidades sociais que amosarán as súas accións e programas no eido da inclusión social.