A Xunta afondará na música electrónica xerada por intelixencia artificial nos encontros do ‘WOS Festival’
A Xunta de Galicia afondará na música electrónica xerada por intelixencia artificial nunha nova edición dos encontros do Wos Festival que se celebrarán o vindeiro xoves, día 12, no Gaiás e baixo o paraugas nominal de WOS Talk x Fest Galicia 2019.
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Cidade da Cultura, volve colaborar co festival de música máis vangardistas de Galicia con estas charlas -con entrada libre ata completar capacidade- que suporán poder coñecer in situ no Gaiás o proceso de creación de Renick Bell. Este programador e músico asentado en Toquio leva máis dunha década de investigación na que música electrónica e intelixencia artificial conversan entre si.
Na Cidade da Cultura, Renick Bell amosaranos as entrañas do seu set up, dará unha introdución ao seu modo de pensamento e presentará as ferramentas fundamentais para familiarizarse con estas festas asistidas por IA (intelixencia artificial). A súa experiencia servirá de inmersión nun mundo coñecido desde un enfoque totalmente futurista. Estará acompañado nesta presentación por Cristina Checa, directora de proxectos en SokoTech, un laboratorio de innovación social especializado en arte, ciencia e tecnoloxía.
Drew McDowall, pioneiro das primeiras vangardas musicais
Ademais deste referente na experimentación actual entre a música electrónica e a intelixencia artificial, a Cidade da Cultura contará nestes encontros coa participación de Drew McDowall, un pioneiro do desenvolvemento das primeiras vangardas musicais en Europa a partir da asimilación dos códigos punk.
No Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia ofrecerase a oportunidade de conversar e coñecer a traxectoria deste músico escocés, que se caracteriza pola experimentación constante. Para esta charla contarase coa interlocución do xornalista e escritor César Estabiel. Ambos establecerán un diálogo co obxecto de abarcar e relatar conxuntamente desde os inicios tímidos do músico ata a evolución conceptual e estilística de Coil ou o espectáculo audiovisual que alcanzou con Time Machines con Florence To.
Mesa redonda sobre o futuro dos festivais
Antes dos encontros con Renick Bell e Drew McDowall, os WOS Talk x Fest Galicia 2019 abriranse cunha mesa redonda ao redor do futuro dos festivais musicais. Estará moderada por Abraham Rivera, director e locutor de Retromanía en Radio 3, ademais de comisariar exposicións e ciclos en espazos como Matadero, Conde Duque ou CA2M de Madrid.
Nesta mesa redonda, que comezará ás 16,30 horas, participarán Alex Nikolov & Paloma Fernández, do festival de arte interdisciplinar Loom, que se celebra na fábrica modernista Utopia126 en Poblenou; Alberto Nerone, en representación de Mutek (Barcelona), cita cultural que aposta sempre pola diversidade e o risco; e Antonio José Albertos Ángel , do certame de exploración audiovisual Volumens (Valencia) .