publicidade hoxe

Xunta e Concello de Boborás asinan o convenio para a execución dunha senda peonil e a mellora do firme na estrada OU-214

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoborásLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, vén de asinar coa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, o convenio de colaboración para a execución dunha senda peonil e a mellora do firme da estrada OU-214, cun investimento autonómico de 210.000 euros.

O obxectivo do acordo é a colaboración técnica e económica entre a Xunta e o Concello de Boborás para a redacción do proxecto técnico e a posterior execución dunha senda peonil na OU-214, de titularidade autonómica, así como a pavimentación da súa calzada.

Estas actuacións levaranse a cabo na citada estrada autonómica, que ten unha lonxitude de 900 metros, e que comeza na estrada N-541, na Almuzara, e remata na estación de ferrocarril de Boborás.

O convenio contempla a renovación do firme da estrada, xa que a capa de rodadura se atopa deteriorada. As marxes contan con cuneta en terra e pequenos noiros que permitirían a construción dunha senda peonil paralela. Nalgún treito tamén será necesaria a canalización de pluviais.

Para a materialización destas obras será preciso executar traballos previos necesarios, a pavimentación da estrada e da senda, a construción de pequenos muros de contención ou a execución puntual da rede de drenaxe de augas pluviais. Tamén se disporán elementos de sinalización horizontal e se repintarán as marcas viarias afectadas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asumirá o financiamento das obras e o compromiso de transferir ao Concello a titularidade da totalidade desta vía.

O Concello de Boborás encargarase de adxudicar, dirixir e executar as actuacións de conformidade co proxecto, asumir a titularidade da estrada antes da licitación das obras, e a obriga da súa conservación e mantemento.

O Goberno galego, con estas actuacións, busca fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas, coa finalidade de incrementar a seguridade viaria e mellorar a calidade de vida da cidadanía.

13 de agosto de 2019 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.