publicidade hoxe

Porto do Son súmase ao programa Xantar na Casa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaPorto do Son
A-
A+

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, o convenio que permite ampliar e incorporar no programa Xantar na Casa a este concello. Isto fará posible incrementar en 10 o número de usuarios que reciben todos os días do ano un menú equilibrado.

Fabiola García destacou o esforzo por parte da Xunta de Galicia e dos concellos para que este programa chegue aos nosos maiores, especialmente a aqueles que viven sos. Así, explicou que Xantar na Casa, ademais de achegarlles unha dieta equilibrada e de calidade, permite levar a cabo tamén unha labor de vixilancia, posto que os maiores manteñen un contacto regular coas persoas que lle achegan as comidas.

No que levamos de ano seis municipios se adheriron ao programa e poderán prestarlle este servizo aos seus maiores. A Porto do Son súmaselles Ribeira, Irixoa, Foz, Miño e Vilamartín de Valdeorras.

O programa Xantar na Casa chega na actualidade a mais de 1.300 persoas e, con estas nova sinatura, a 175 concellos. O obxectivo da Xunta de Galicia é acadar os 2.000 usuarios. Ademais, con esta iniciativa repártense mais de 40.000 menús mensuais por todo o territorio galego.

A conselleira destacou o esforzo da Xunta de Galicia para que as galegas e galegos de mais idade poidan escoller libremente onde facerse maiores. A este compromiso responde o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, do que se benefician 24.000 maiores dependentes; a mellora do programa Teleasistencia a unha modalidade avanzada, que permite servizos como xeolocalización ou a instalación de sensores no fogar; a posta en funcionamento dunha trintena de Casas do Maior, pequenos centros de día gratuítos no rural; ou o programa RedMay, que permite ás persoas maiores acceder tamén de balde a servizos de oftalmoloxía, podoloxía, prevención do alzhéimer e apoio persoal sen ter que desprazarse das súas parroquias.

5 de agosto de 2019 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.