publicidade hoxe

O complexo administrativo de San Lázaro estrea unha instalación de autoconsumo solar con 1173 paneis fotovoltaicos

O complexo administrativo de San Lázaro xa conta cunha instalación de autoconsumo solar que inclúe 1173 paneis fotovoltaicos repartidos entre os edificios das consellerías de Saúde, Medio Ambiente e Economía, Emprego e Industria que cobre o 15% do consumo dos edificios, o equivalente a 130 vivendas. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe o proxecto en Santiago de Compostela, destacando que a iniciativa, na que a Xunta investiu preto de 1,2M€, aforrará preto de 50.000 euros ao ano e rebaixará a emisión do CO2 en 115 toneladas ao ano, o equivalente a 5775 árbores.

A actuación consta de cinco puntos de recarga para vehículos eléctricos, a renovación da iluminación exterior con tecnoloxía LED coa substitución de 34 luminarias por 69 novas, a ordenación e mellora da zona do aparcadoiro e a instalación de puntos interactivos de información sobre a instalación.

Conde puxo en valor os avances da Comunidade cara a unha Galicia verde sinalando a importancia de seguir apostando por políticas que fomenten un consumo limpo, renovable e eficiente, que aproveite os recursos autóctonos e incentive a sustentabilidade. Apuntou a aposta da Xunta pola eficiencia enerxética e as renovables, a enerxía do futuro, lembrando que a Administración autonómica investiu nesta lexislatura 32M€ para reducir a dependencia enerxética e contribuír á loita contra o cambio climático. Recordou algunhas das accións recentes levadas a cabo como a nova iluminación en San Caetano ou o impulso á Rede de Enerxía da Xunta (Redexga) coa que xa se acadou un aforro que supera os 34,2M€.

O titular de Economía indicou que o obxectivo do Goberno galego é consolidar unha Galicia verde dando pasos como os feitos ata o de agora, recordando que a Comunidade galega supera o obxectivo europeo de consumo de enerxías renovables fixado para 2030 cun 35,2% en 2017.

En palabras de Conde, é preciso ser unha Administración exemplarizante ofrecendo proxectos exemplarizantes no eido das renovables para que esta proposta se estenda a outras instalacións públicas ou privadas. “É a mellor maneira para concienciar sobre o coidado do medio ambiente, permitindo ao mesmo tempo rebaixar custos e impulsar o modelo de eficiencia enerxética”, engadiu. Entre os proxectos levados a cabo destacan as actuacións desenvolvidas en San Caetano e o traballo con madeira en edificacións públicas.

5 de agosto de 2019 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.