publicidade hoxe

A Xunta inicia a creación dun bosque periurbano modelo na contorna de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

A Consellería do Medio Rural deu hoxe o primeiro paso para crear na contorna da cidade de Vigo un bosque periurbano modelo que sexa exemplo para outras zonas e do que poidan gozar os veciños e veciñas desta comarca. Esta primeira fase consiste na rexeneración de catro montes da mancomunidade de Vigo afectados pola vaga de lumes de 2017 e nos que a Xunta de Galicia investirá preto de 1,3 millóns de euros.

Para iso, o conselleiro do Medio Rural, José González, xunto ao director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, asinou hoxe un acordo de colaboración coa mancomunidade de montes de Vigo e con cada unha das comunidades de montes veciñais en man común beneficiadas: a de Valadares, a de San Andrés de Comesaña, a de Coruxo e a de Zamáns. Este acordo ten por obxectivo restablecer o valor ambiental, económico e social da contorna da cidade de Vigo, para o que se desenvolverá un plan de acción para os anos 2019, 2020 e 2021. Este programa de actuación suporá unha restauración total da masa forestal nestes catro montes veciñais.

En concreto, a Consellería do Medio Rural desenvolverá e asumirá o custo total dos traballos, que consisten na plantación de frondosas e coníferas, na realización de rareos sobre o rexenerado de coníferas e na colocación de peches para protexer a área rexenerada. Tamén se fará unha selección de brotes de eucalipto e procederase á eliminación de acacias e eucaliptos. Pola súa banda, as comunidades de montes facilitarán os seus terreos para a execución dos traballos, que ademais, cómpre sinalar, están en zona declarada de alto risco.

Esta será a primeira fase dun proxecto moito máis amplo, que pretende culminar coa configuración do monte da contorna da cidade olívica como un “bosque modelo” de carácter periurbano. Nestes bosques búscase combinar os usos tradicionais do monte coa creación de espazos de ocio e lecer para a cidadanía. En definitiva, trátase de acadar un monte en perfecto estado multifuncional, vivo, dinámico e sustentable económica, social e medioambientalmente, na procura da Galicia verde. Ademais, este proxecto, que se inicia en Vigo, estenderase ao resto das cidades da nosa comunidade, consonte as previsións do Plan Forestal de Galicia.

Segundo explicou o conselleiro, este plan levarase a cabo sempre de acordo coa mancomunidade de montes xa que se trata de terreos privados e en colaboración co Concello. Ademais, para a consecución deste obxectivo, José González tamén lembrou que é imprescindible que as parcelas dos propietarios individuais tamén estean en condicións axeitadas. Neste sentido apelou á coordinación e á cooperación entre a Xunta, como autoridade competente en materia forestal, e o goberno local de Vigo de cara ao deseño e á creación do anunciado Anillo verde dos montes.

Actuacións executadas

O conselleiro lembrou ademais que veñen de resolverse as axudas anuais para a creación de superficies forestais en Galicia cun total de 133 beneficiarios. Todos eles plantarán frondosas e coníferas en máis de 2.400 hectáreas, cunha axuda da Xunta de 4,4 millóns de euros.

Doutra banda, a de Vigo non será a primeira actuación que desenvolve a Xunta para recuperar os montes tras a vaga de lumes de 2017. Só a Consellería do Medio Rural investiu seis millóns de euros en accións directas de consolidación de chans e de recuperación de zonas queimadas en toda Galicia. Naquel momento leváronse a cabo diferentes actuacións que xa están rematadas, tales como a consolidación de solos, sementados rexenerativos, eliminación de madeira queimada sen valor comercial, aproveitamento da madeira aproveitable e mellora das infraestruturas forestais, reparando cunetas e pasos de auga.

Xunto a estes traballos da Xunta, na zona de Ponteareas estase desenvolvendo unha colaboración público-privada na que o Goberno galego e o Banco Santander invisten 860.000 euros para acometer a rexeneración ambiental, da paisaxe e preventiva noutra zona afectada polos lumes, que tamén chegaron aos concellos limítrofes de Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Mondariz, Soutomaior, Pontecaldelas e Cotobade.

Deste xeito, indicou José González, queda demostrado o compromiso do Goberno galego coa recuperación das superficies afectadas por incendios forestais en xeral e polas áreas danadas en Vigo en particular.

Nesta liña, o conselleiro trasladou a importancia de velar polo noso patrimonio forestal entre todos, por iso, lembrou o novo número de teléfono anónimo e gratuíto para denunciar aquelas condutas sospeitosas da actividade incendiaria, o 900 815 085.

6 de agosto de 2019 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.