publicidade hoxe

A Xunta amplía a 20 concellos as axudas de fomento da conciliación e incrementa a liña de apoio aos CIM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA BolaArangaAs NevesBarallaCambreCurtisFisterraGaliciaIrixoaLobiosLocal PortadaMacedaMoechePolPontecesuresPortada esquerdaSantisoTaboadaToénValdoviñoVilanova de ArousaVilardevósVilarmaior
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Igualdade que dá conta dos beneficiarios da ampliación de crédito da orde de subvencións destinada aos concellos para fomentar a conciliación e manter os Centros de Información á Muller (CIM) entidades locais de Galicia.

A liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar concedeu axudas a un total de 76 concellos na convocatoria inicial. Agora, tras incrementar o crédito, recibirán axudas 20 concellos máis: Curtis, Taboada, Santiso, Pol, Aranga, Vilardevós, Toén, Fisterra, Pontecesures, Lobios, Maceda, Vilarmaior, Baralla, Irixoa, Moeche, Neves, Bola, Vilanova de Arousa, Cambre e Valdoviño.

Pola súa banda, a liña de apoio aos Centros de Información a Muller chegou na primeira resolución ás 81 entidades locais (74 concellos e sete mancomunidades) que contan cun centro destas características. Agora, logo da ampliación do crédito da convocatoria, subvenciónanse os postos de axentes de igualdade e/ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero que non resultaron financiados mediante a resolución anterior para 8 destes concellos: A Pobra de Trives, Gondomar, Maceda, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Santiago de Compostela e O Grove.

A orde de axudas a concellos para a promoción da Igualdade está cofinanciada polo Fondo Social Europeo. Inclúe catro liñas de actuación: ademais da de fomento da conciliación e de apoio aos CIM (as recentemente ampliadas), contempla tamén axudas para programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención da violencia de xénero e para campañas de sensibilización e información sobre a igualdade. O orzamento inicial da convocatoria era de algo máis de 5 millóns de euros e, con esta ampliación, acadará os 5,3 millóns.

12 de agosto de 2019 | 11:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.