publicidade hoxe

Xunta e UVigo colaboran para impulsar a innovación e os avances técnicos na metodoloxía para a construción en madeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, visitou hoxe as instalacións da nova sede institucional e de I+D da Universidade de Vigo, que emprega as últimas técnicas no tratamento da madeira. O deseño deste edificio, a cargo de Abalo Alonso Arquitectos, conta cunha innovadora metodoloxía construtiva para o tratamento do material empregado, despregando unha estrutura de madeira contralaminada para todas as instalacións.

A construción deste edificio enmárcase no convenio asinado o pasado mes de marzo entre Xunta, a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito e a Universidade de Vigo para fomentar o emprego mellorado da madeira e da pedra natural autóctonas, contribuíndo á desenvolver a innovación, a competitividade e a internacionalización das empresas galegas. Deste xeito, Lema Piñeiro salientou que o obxectivo deste plan é “converter a industria forestal na panca de impulso da bioeconomía”, e garantir así unha expansión do tecido madereiro galego, un sector que medrou un 7,7% en 2018 sumando uns beneficios de máis de 920 millóns de euros.

Xunto coa industria extractiva, a contribución deste eido á creación do emprego é absoluta para toda Galicia, con 90.000 familias da Comunidade vencelladas á industria forestal e á minaría, cunhas actividades que representan o 2,5% do PIB galego.

Este plan promove a colaboración en materia de innovación tecnolóxica, favorecendo o intercambio de información e a transferencia de coñecemento; deseñar e xestionar actuacións conxuntas dedicadas a promover e divulgar o uso e desenvolvemento de novas tecnoloxías de aplicación destes materiais; e a fomentar conxuntamente o establecemento de redes de innovación e I+D, así como os consorcios público-privados de innovación colaborativa. O obxectivo é converter a madeira nun elemento estrutural da construción.

Visita ás instalacións

A visita pola nova sede contou coa presencia de membros do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, aos que se lles pormenorizaron os aspectos técnicos máis senlleiros das características da edificación en contralaminado. A visita estivo liderada polos propios responsables do deseño, os arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso.

Deste xeito, este edificio constitúe o paradigma dun compromiso coa eficiencia enerxética, a sustentabilidade e os materiais autóctonos e a proba das posibilidades da madeira como valor das novas técnicas construtivas.

19 de xullo de 2019 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.