publicidade hoxe

Uns 1.600 estudantes melloran os seus coñecementos en linguas estranxeiras este verán cos campamentos financiados pola Consellería de Educación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

Preto de 1.600 estudantes de ESO e Bacharelato están a participar este verán en campamentos lingüísticos financiados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, tanto en Galicia coma noutros países como Canadá, Reino Unido e Francia, co obxectivo de mellorar as súas competencias nunha lingua estranxeira.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, visitou esta mañá o Centro Residencial Docente de Culleredo (A Coruña) –un dos tres de Galicia xunto co CRD de Vigo e o dos Peares onde teñen lugar estas estadías formativas- por onde durante os meses de xullo e agosto pasarán máis de 500 alumnas e alumnos, cuxa estancia en réxime residencial está subvencionada na súa meirande parte (entre un 50 e un 87% en función da renda) pola Consellería.

O obxectivo é que os estudantes practiquen o aprendido durante o curso a través de estadías formativas, ben en réxime residencial en Galicia no caso do alumnado de ESO e de Bacharelato; ben en familia ou residencia no estranxeiro (Canadá, Reino Unido e Francia) para o alumnado de Bacharelato.

Contacto idiomático

O propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020 (Edulingüe), non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón que este idioma o poñan en práctica durante todo o día ao longo das dúas semanas que duran as estadías nas diversas actividades que se organizan, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado, promovendo unha inclusión total en lingua inglesa no caso dos campamentos que se celebran en Galicia, Reino Unido e Canadá, e en lingua francesa para o alumnado de estadías en Francia.

22 de xullo de 2019 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.