publicidade hoxe

O Sergas nomea a Félix Rubial e Julio García como novos responsables das EOXI de Ourense e Vigo, respectivamente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada esquerdaVigo
A-
A+

O Sergas vén de nomear a Félix Rubial Bernárdez e a Julio García Comesaña como novos responsables das xerencias das EOXI de Ourense e Vigo, respectivamente. Con estes nomeamentos, o Sergas aposta por adaptar a dirección das dúas Eoxis aos obxectivos de completar a integración da Atención Primaria e a Atención Hospitalaria e a implantación efectiva do Plan galego de atención primaria.

García Comesaña, que viña desempeñando ata o de agora a súa responsabilidade como xerente na EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, releva a Félix Rubial Bernárdez, que culmina así unha exitosa etapa de catro anos durante a que pilotou na área de Vigo o proceso de reordenación asistencial máis complexo que se ten acometido en España. Esta vertebración consolidou o modelo de especialización avanzada dos hospitais Nicolás Peña, Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro, convertendo este último nun centro de vangarda avalado por todos os indicadores asistenciais, tecnolóxicos, docentes, e investigadores.

Ao mesmo tempo, na atención primaria incrementouse a capacidade resolutiva dos centros de saúde e concretouse a construción de novas infraestruturas na área de Vigo que permitiron completar un novo mapa máis ordenado, mellor dotado e dimensionado para afrontar os novos retos sanitarios

A devandita reordenación integral, acompañada pola introdución dos últimos avances tecnolóxicos, conlevou, entre outros fitos, a creación de sete novas Unidades como a de Ictus, Ortoxeriatría, Sono, Banco de Leite Materno ou a Unidade pediátrica de Reanimación e Adaptación ao medio. Baixo a premisa “o paciente é o primeiro”, Rubial introduciu tamén varias medidas encamiñadas a priorizar a humanización na actividade asistencial.

Nesta nova etapa, Rubial Bernárdez, aborda o desenvolvemento do plan funcional e de espazos do CHUO, así como as distintas actuacións de mellora e reforma proxectadas tanto no ámbito hospitalario, en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, como nos centros de saúde da área ourensana.

Julio García Comesaña conta cunha ampla traxectoria profesional na que ten participado en distintos proxectos de innovación xa implantados no Sergas e, antes de ocupar a xerencia da EOXI de Ourense, participou desde a dirección do Complexo Hospitalario de Vigo na reordenación da área sanitaria de Vigo. Como xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, reforzou a aposta do Sergas por un dos principais polos de referencia para a investigación e innovación sanitaria no desenvolvemento de proxectos de I+D+i.

A partir de agora, acomete unha nova etapa na que se desenvolverán os obxectivos da Estratexia XXI para a área de Vigo, completarase a reforma integral do hospital Meixoeiro, seguirase desenvolvendo o proxecto de humanización da área sanitaria e priorizarase o remate dos novos centros de saúde proxectados.

Félix Rubial Bernárdez é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en Medicina Preventiva e Saúde Pública. Foi director médico do Hospital de Burela do ano 2000 ao 2003; director médico do Hospital de Lugo en dúas etapas do 2003 ao 2005 e do 2009 ao 2012; subdirector médico do C.H. Universitario da Coruña entre 2005 e 2006; director operativo do C.H. Universitario de Santiago entre o 2006 e 2009; e director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2012 e 2015, data na que se puxo a fronte da xerencia de Vigo.

Julio García Comesaña é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado sanitario especialista en Radiofísica Hospitalaria. Máster en Administración sanitaria, ten desempeñado distintos cargos de responsabilidade no Sergas desde os que participou en distintos proxectos asistenciais de marcado carácter tecnolóxico e innovador dentro dos programas Innovasaude e Hospital 2050. Desde a dirección do Complexo Hospitalario de Vigo participou na reordenación da área sanitaria de Vigo, que se desenvolveu nos últimos anos. Desde marzo de 2018 ata a actualidade foi xerente de Ourense.

5 de xullo de 2019 | 10:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.