publicidade hoxe

O Goberno galego impulsará a promoción e divulgación do complexo arqueolóxico Aquis Querquennis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeGaliciaLocal PortadaOurensePortada esquerda
A-
A+
Román Rodríguez na sinatura do convenio

Román Rodríguez na sinatura do convenio

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, Antonio Rodríguez Colmenero, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá desenvolver de xeito conxunto actividades que sirvan para poñer en valor o campamento romano e mansio viaria de Aquis Qerquennis.

Trátase dun acordo polo que a Xunta de Galicia se compromete a planificar accións de fomento á promoción e divulgación do patrimonio cultural desta zona arqueolóxica ao tratarse dun importante activo inmaterial para a Comunidade galega. Para isto, o Goberno autonómico, a través dunha achega de 20.000 euros, asumirá os custes de persoal, deseño e edición de material divulgativo que permitirán poñer en marcha esta actividade.

Pola súa banda, a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, comprométese a realizar a actividade de difusión e divulgación dos valores culturais da zona arqueolóxica e o seu contexto cultural próximo co obxectivo de garantir o acceso e a información á visita pública, especialmente nas xornadas e tempadas como as fins de semana, pontes ou tempada estival, nas que a afluencia de visitantes é maior.

O campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis está no lugar de Porto Quintela, no concello ourensán de Bande. Trátase dun conxunto arqueolóxico formado polo campamento e mansio vinculados co paso da vía XVII de Antonino ou Vía Nova, que presenta un gran valor científico e patrimonial derivado da información obtida polas continuas campañas de escavación desenvolvidas ao longo de varias décadas.

O indubidable valor histórico e arqueolóxico deste xacemento e os datos resultantes das investigacións propiciaron que fora declarado Ben de Interese Cultural polo Consello da Xunta en setembro do pasado ano.

31 de xullo de 2019 | 14:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.