publicidade hoxe

O futuro CAPD de Ourense incrementará nun 35% o número de prazas públicas de atención á discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense incrementará nun 35% o número de prazas públicas que se ofertan nesta cidade, ata chegar ás 426. Díxoo na presentación do proxecto deste centro, no que se prevé un investimento de 5,5 millóns de euros e que leva asociada a xeración de 36 novos postos de traballo.

Fabiola García sinalou que o obxectivo é que esta actuación responda ás expectativas e ás necesidades das persoas con discapacidade e das súas familias. Con esta finalidade modificouse o emprazamento previsto desde Mariñamansa ata Barrocás e aumentouse o seu tamaño das 80 prazas propostas inicialmente ás 110 coas que contará agora (80 de residencia e 30 de centro de día). A autoría do proxecto é do estudo de arquitectura Iglesias Veiga, gañador do concurso de ideas que se convocou para definir o deseño do centro.

No que atinxe aos prazos, a Xunta xa solicitou ao Concello a licencia e en setembro enviarase a licitación ao Diario Oficial da Unión Europea, previa autorización por parte do Consello da Xunta. A previsión é que as obras comecen no primeiro cuadrimestre de 2020.

A conselleira de Política Social manifestou que co futuro CAPD de Ourense o Goberno galego fai unha gran aposta por introducir unha mellora histórica na atención ás persoas con discapacidade neste municipio. Ademais, agradeceu ao Concello ourensán o seu compromiso con este proxecto e tamén ás familias pola súa paciencia e colaboración nesta ambiciosa actuación.

Características do equipamento

A intervención proposta abrangue unha superficie total de aproximadamente 5.700 metros cadrados, dos cales uns 4.500 son útiles. Actuarase tamén sobre a contorna da parcela e incluiranse zonas verdes e de aparcamento.

Óptase por un edificio escalonado para adaptarse mellor á pendente que ten o terreo e minimizar as escavacións. De feito o inmoble aséntase sobre a parcela en forma de peite, o que xera patios abertos e diferentes espazos a distintos niveis cunha boa iluminación e ventilación.

En canto á distribución do edificio, a proposta establece tres niveis de usos diferenciados. Os inferiores, destinados a zonas de instalacións e de traballo para o persoal do centro, como cociña, comedor e outros servizos; o intermedio, onde se sitúa a maior parte das actividades que terá o centro de día; e os niveis superiores, que conteñen a zona residencial. As solucións construtivas e estruturais escollidas teñen como finalidade reducir a demanda enerxética.

30 de xullo de 2019 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.