publicidade hoxe

Medio Ambiente analiza a eficacia das gaiolas trampa como medida complementaria para o control do xabaril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs SomozasGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de activar unha nova medida complementaria para o control dos danos que provoca o xabaril nas explotacións agrogandeiras, que consiste na instalación de gaiolas trampa. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ás instalacións da Sociedade Agraria de Transformación, SAT Panda, unha entidade que leva sufrindo danos reiterados a causa do xabaril.

Indicou que na actualidade só existe unha gaiola deste tipo instalada, co fin de analizar e coñecer a súa viabilidade como medida alternativa de control da poboación de xabaril; despois de que a Consellería elaborase un protocolo para a autorización da colocación de gaiolas para a captura de xabarís en explotacións gandeiras ou agrícolas, no que se inclúen unha serie de directrices comúns a seguir á hora de tramitar este tipo de solicitudes e decidir sobre a súa autorización.

Vázquez Mejuto insistiu en que non se trata dunha medida de aplicación xeneralizada, senón que está pensada para casos nos que non exista outra solución efectiva nin satisfactoria e farase sempre baixo a supervisión e control de persoal da Consellería. Aclarou que só se poderá autorizar a instalación de gaiolas trampa en granxas localizadas en zonas nas que estea prohibida a caza ou onde xa se esgotaran ou fracasaran as medidas empregadas habitualmente para o control desta especie.

Tamén precisou que os titulares de explotacións -ou asociacións de gandeiros- que se acollan a esta medida deberán acreditar ante a Consellería a existencia de danos reiterados e constados sobre as súas propiedades e asumir expresamente unha serie de compromisos e condicionantes. A modo de exemplo citou, revisar diariamente a gaiola nas primeiras horas do día para asegurarse de que estea en boas condicións para ser efectiva, liberar de inmediato a calquera animal doutra especie que eventualmente poida ser capturado por este método, garantir que aos animais capturados non se lles causa dor ou sufrimento, avisar a persoal veterinario para que proceda a eutanasiar aos exemplares capturados e a unha empresa autorizada para o seu tratamento e xestión, ou marcar cun precinto identificativo (similar aos que se usan por parte dos cazadores) os cadáveres dos xabarís capturados.

Avanzou que a comezos do vindeiro ano se contarán con datos e resultados desta medida experimental, información que permitirá determinar a ampliación desta acción excepcional e alternativa, coa instalación de ata 20 gaiolas trampa nas explotacións agrícolas e gandeiras.

Por último, argumentou que esta medida non é exclusiva de Galicia, senón que outras comunidades autónomas, coma por exemplo Andalucía, tamén a contemplan nos seus protocolos de acción fronte ao xabaril.

Accións para o control da especie

A conselleira de Medio Ambiente explicou que o Goberno galego é plenamente consciente do alcance da problemática xerada polo xabaril e da súa complexidade, por iso ten articulado, e posto en marcha, distintas accións e mecanismos para o control da especie, así como para paliar e compensar os danos que provoca.

Nese sentido, recordou que unha das novidades que se introduciu para a vindeira tempada de caza, 2019-2020, é a ampliación nun mes o período hábil de caza do xabaril, que vai dende o 24 de agosto ao 29 de febreiro. Unha decisión que foi adoptada polo Comité Galego de Caza, recordou.

Tamén convocou tres liñas de axudas, que suman 1,4 millóns de euros, para establecer medidas de prevención de danos que causan as especies de fauna silvestre (xabaril e lobo), así como para compensar e paliar os danos que provocan sobre os cultivos ou nas explotacións gandeiras.

Explicou que esta problemática non sé analiza desde o punto de vista da agricultura ou da xestión da especie, senón tamén desde o punto de vista ambiental, da caza e tamén da seguridade viaria. Nese sentido, recordou que a Consellería de Medio Ambiente impulsou un grupo de traballo multidisciplinar no que se analizaron medidas a poñer en marcha para acadar unha solución global. Recordou que ao longo deste ano se instalaron vallas reforzadas nas estradas máis afectadas para impedir o paso dos animais e tamén se traballa na identificación das zonas de Galicia con maior presenza deste animal, para realizar un estudo piloto que permita definir outras medidas que garantan o control poboacional.

5 de xullo de 2019 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.