publicidade hoxe

Galicia colabora no fortalecemento da acuicultura en Mozambique mellorando as capacidades técnicas dos seus piscicultores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Formación sobre Piscicultura básica

Formación sobre Piscicultura básica

O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), dependente da Consellería do Mar, está a colaborar na mellora das capacidades técnicas dos piscicultores da provincia mozambicana de Cabo Delgado a través de accións formativas e o intercambio de experiencias así como apoio técnico para o poboamento de estanques con alevíns da especie Tilapia mozambicus. Esta é unha das accións do proxecto Acuipes que se está a desenvolver en Mozambique en virtude dun convenio subscrito coa Vicepresidencia da Xunta, que financia accións de fortalecemento do sector pesqueiro e acuícola a través de Cooperación Galega.

Na formación sobre Piscicultura básica. Producción de tilapia participan 14 piscicultores (11 homes e 3 mulleres) do distrito de Montepuez, das zonas de Balama, Namuno e Montepuez. Algúns deles están a iniciarse no cultivo de tilapia e outros xa teñen ampla experiencia neste ámbito, polo que asisten para ampliar os seus coñecementos e apoiar aos de recente incorporación ao sector coas súas experiencias. Nesta acción formativa tamén participan técnicos da Dirección Provincial do Ministerio do Mar, Aguas Interiores e Pescas (Dpmaip) e do Servicio Distrital de Actividades Económicas (SDAE) de Montepuez, Balama e Namuno.

Mellorar a formación dos piscicultores é unha das liñas de actuación prioritarias do proxecto Acuipes, para o que se intercalan contidos teóricos e prácticos de forma que piscicultores e técnicos adquiran e amplíen coñecementos sobre a importancia da acuicultura, a construción dun estanque e o seu poboamento, a elaboración de pensos para alimentar alevíns e peixes de talla comercial así como nocións básicas para calcular o coste e beneficio da súa produción.

O Centro Tecnolóxico do Mar traballará ademais no distrito de Montepuez apoiando o poboamento de estanques con alevíns de Tilapia mozambicus co obxectivo de xerar novas fontes de ingreso neste distrito. Nesta misión interveñen unha técnico da área de Cooperación Internacional do centro dependente da Consellería do Mar e unha experta en acuicultura con ampla experiencia en proxectos de cooperación para o desenvolvemento.

O obxectivo de Acuipes é ampliar as oportunidades de emprego e as fontes de ingresos sustentables para as comunidades rurais de Cabo Delgado a través do fortalecemento do sector acuícola. Deste xeito espérase contribuír á loita contra a pobreza e á mellora das condicións de vida e da seguridade alimentaria nesta provincia mozambicana. O proxecto Acuipes dá continuidade ás actividades desenvolvidas en 2017 no marco dos proxectos AFIS e CRIL, desenvólvese conxuntamente coa Dirección Provincial do Ministerio do Mar, Aguas Interiores e Pescas da Provincia de Cabo Delgado.

A área de Cooperación Internacional da Fundación Cetmar traballa desde o ano 2008 xunto ao Idepa, Dpmaip e o IIP en Mozambique, o oitavo país co índice de desenvolvemento humano máis baixo do mundo segundo o último Informe de Desenvolvemento Humano de Nacións Unidas e cun elevado índice de subnutrición infantil.

O proxecto Acuipes

Esta iniciativa encaixa así coa estratexia de desenvolvemento do sector pesqueiro e acuícola mozambicano, o Plano Director das Pescas 2010-2019, que identifica a cuestión da seguridade alimentaria e nutricional como unha prioridade estratéxica. No caso da provincia de Cabo Delgado, a taxa de retraso no crecemento infantil alcanza o 55% e a súa principal base económica é a agricultura de subsistencia e a pesca, amplamente exercida ao longo do litoral e que contribúe á dieta alimentaria e ao rendemento da poboación.

Froito doutros proxectos anteriores financiados por Cooperación Galega e executados polo Cetmar, a produción de tilapia consolidouse como unha actividade de éxito, capaz de xerar ingresos e de mellorar as condicións de vida da poboación do distrito de Mueda. Os piscicultores beneficiarios destas accións conseguiron producir peixe non só para autoconsumo senón tamén para a venda a nivel local, xerando importantes ingresos. O éxito alcanzado en Mueda está sendo un referente e son cada vez máis os agricultores que se interesan por desenvolver actividades de piscicultura en Cabo Delgado.

3 de xullo de 2019 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.