publicidade hoxe

Feijóo: “o contrato de 7 buques para Nueva Pescanova por 42,5 M€ é o maior encargo realizado por unha empresa pesqueira española da historia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaRedondela
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o contrato de 7 buques para Nueva Pescanova por 42,5 M€ é o maior encargo realizado por unha empresa pesqueira española da historia, e que xerou 200 novos postos de traballo.

Fíxoo durante a entrega do Lalandii 1, o primeiro buque que entrega Armón do total de 7 que lle encargou Nueva Pescanova, nun acto no que tamén salientou as cifras do naval galego, que conta con preto de 38.500 traballadores asociados ao naval e á industria auxiliar, e cun 6% máis de afiliacións á seguridade social que hai un ano. “As cifras indican que supón –o sector naval- un 4,3% do PIB galego”, dixo, engadindo que o 90% destínase á exportación e que Galicia destaca no resto de España, pois “os 5 primeiros estaleiros privados galegos están no top 10 de estaleiros españois”.

Feijóo recordou ademais que todas estas cifras avalan os contratos que está conseguindo o sector naval galego que, con datos do primeiro trimestre deste ano, os pedidos en vigor suman 30 buques dun total de 58 contratos en toda España. É dicir, Galicia conta con algo máis do 50% dos contratos españois.

Neste sentido, o titular do Goberno galego asegurou que pedidos como os de Nueva Pescanova a Armón en 2017 -a construción de 7 buques para a renovación da súa frota pesqueira- fan posible que “Galicia conte nestes momentos coa segunda maior carteira de pedidos no continente, só por detrás de Holanda”. Así, aproveitou para recordar que a entrega do buque Lalandii 1 é a primeira dun pedido que inclúe 3 buques arrastreiros para pesca de pescada en Namibia que se construirán nas instalacións de Vigo; e 4 buques conxeladores para a pesca de langostino en Mozambique, dos que 3 se construirán en Burela.

Do mesmo xeito, salientou que o buque Lalandii 1 conta con motores de alta eficiencia enerxética, un equipamento que mellora o sistema de procesado a bordo –deseñado para obter a máxima calidade no tratamento de capturas e descartes-, e tamén unha mellor habitabilidade para a tripulación dando cumprimento á normativa internacional de condición de traballo a bordo.

Nesta liña, Feijóo aseverou que o liderado dos estaleiros galegos “é froito da diversificación, o talento e a innovación” un vieiro no que, dixo, “conta con todo o apoio do Goberno galego”. Así, recordou os 50 M€ que a Xunta de Galicia leva investidos en apoio ao sector naval nos últimos anos, entre formación e innovación, poñendo en marcha “un plan específico de formación para o sector no que levamos investidos 15,6 M€ en 340 cursos dos que se beneficiaron 3.400 persoas”, subliñou, ao mesmo tempo que nomeou os 35 M€ en apoios á innovación dedicados a “este sector estratéxico”.

Ao inicio da súa intervención, o presidente da Xunta afirmou que hoxe era un día importante para falar de confianza: a confianza do sector naval en si mesmo, porque apostou pola innovación para ser máis competitivo; na confianza do sector do mar, que soubo que para a tarefa que encomendaban ao naval, atoparían en Galicia o lugar indicado; e a confianza de Galicia e os galegos nos seus sectores estratéxicos, como son o naval e pesca, porque non só son parte importante do noso tecido produtivo, senón tamén do que somos.

Así, e a modo de conclusión, Feijóo afirmou que “a relación de confianza entre estas dúas compañías de referencia no seus sectores –Nueva Pescanova e Armón- certifica o potencial do Galicia Calidade e contribúe a seguir dando pasos para unha Galicia máis innovadora” e para unha Galicia, en definitiva, “que confíe, cada vez máis, nos seus sectores produtivos”.

23 de xullo de 2019 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.