publicidade hoxe

Fabiola García enxalza o labor da Fundación Secretariado Gitano para achegar a esta poboación a educación e o emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+
Fabiola García na visita á sede da fundación en Madrid

Fabiola García na visita á sede da fundación en Madrid

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe en Madrid o traballo que desenvolve a Fundación Secretariado Gitano, que permite “achegar a moitas persoas á educación, ao emprego e a todo o que nos fai iguais”. Díxoo durante unha visita á sede da fundación en Madrid, na que garantiu a continuidade da colaboración a través de dous convenios que suman 186.000 euros para o financiamento de programas de inclusión sociolaboral, orientación educativa e apoio escolar dirixidos á poboación xitana.

Fabiola García recoñeceu o labor desta organización, que leva máis de 35 anos de actividade en España e 18 en Galicia, na construción dunha sociedade mellor na que “non existan discriminacións de ningún tipo e na que todas as persoas poidan gozar das mesmas oportunidades”. Tamén puxo en valor a importante tarefa de concienciación social que realiza esta entidade, xa que insta ao resto da poboación “a reflexionar, a coñecer antes de xulgar e a tender a man en lugar de segregar”.

A Consellería de Política Social colabora coa Fundación Secretariado Gitano co financiamento dos seus dous programas principais: Promociona, que ten por obxecto reducir o abandono escolar e potenciar os estudios superiores; e Acceder, para favorecer a inserción laboral. Esta segunda iniciativa é, precisamente, o motivo do convenio subscrito esta mañá, e está dirixida de maneira preferente a persoas desempregadas entre os 17 e 25 anos ás que se lles facilita formación e apoio na busca de emprego.

Fabiola García reiterou que o Goberno galego continuará co seu apoio aos diferentes programas e servizos que a Fundación Secretariado Gitano leva a cabo en Galicia a través dos seus centros na Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela.

5 de xullo de 2019 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.