publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca a licitación das obras de adecuación do complexo intermodal de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedraPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou a licitación hoxe das obras de adecuación do complexo intermodal de Pontevedra, cun investimento de 3,4 millóns de euros.

Vázquez Mourelle indicou que as empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 30 de xullo, tal como recolle a publicación na Plataforma de Contratos de Galicia.

Explicou que esta actuación busca unha intermodalidade real entre a estación de autobuses e a de ferrocarril, para o que se executará unha conexión peonil entre ambas; humanizaráse a praza e se reordenará o aparcadoiro; acometerase o novo acceso desde a rúa Josefina Arruti, para a entrada e saída directa dos autobuses; e se adecuará a contorna do río Gafos.

Concretou unha conexión máis sinxela e segura para os peóns entre as dúas estacións a través dun itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación, mellorando a seguridade viaria e recuperando un espazo público para os cidadáns.

Sinalou que isto será posible grazas á eliminación dos actuais accesos de autobuses, construíndo un novo enlace directo dende a Rúa Josefina Arruti, onde se instalarán semáforos regulados a demanda e carrís de espera.

Puxo especial fincapé na recuperación e posta en valor do contorno do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo para o desfrute cidadá mediante a rexeneración da área ao carón da estación de autobuses, destapándose o leito e construíndose unha pasarela de madeira que facilite o paseo.

Reforma da estación de autobuses

Cómpre lembrar que o contrato licitado hoxe está enmarcado nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, que conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 75%, é dicir, máis de 4,6 millóns.

Este acordo contempla as actuacións neste complexo intermodal, recollidas en dous proxectos diferentes: a adecuación para a intermodalidade do conxunto das dúas estacións, que hoxe se licita, e a reforma do edificio da actual estación de autobuses.

No que se refire ao acondicionamento da terminal de autobuses, a conselleira precisou que se vai adxudicar a obra nos vindeiros días para comezala a finais do verán.

Precisou que estes traballos suporán unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética do edificio, ao incluír a renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores; a mellora das instalacións e aforro enerxético e a mellora dos sistemas de información.

Subliñou que a finais deste ano estarán a pleno rendemento as obras das dúas actuacións para poder ter o conxunto intermodal rematado no segundo semestre do ano 2020.

Fixo fincapé na aposta da Xunta por converter dúas estacións moi próximas, a de autobuses e a de ferrocarril, nun complexo intermodal que facilite os desprazamentos, potencie o uso do transporte público e humanice esta contorna.

3 de xullo de 2019 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.