publicidade hoxe

Educación inviste un millón de euros en obras de rehabilitación integral e melloras nos CEIP Condesa de Fenosa e Julio Gurriarán Canalejas, no Barco de Valdeorras

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá as obras que se están a desenvolver nos CEIP plurilingües Condesa de Fenosa e Julio Gurriarán, no Barco de Valdeorras, nos que se investirán un total de 1.044.411,26 euros.

No CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa estase a acometer unha rehabilitación integral que supón un investimento de 634.813,95 euros. Inclúe actuacións de eficiencia enerxética, cos illamentos da fachada con inxección na cámara de aire de perlas de poliestereno expandido e dos capialzados con placa ríxida de poliestireno extruído, e coa colocación de illamento térmico de 10 cm. na cara superior do forxado do baixo cuberta.

Tamén se van substituír as ventás de folla simple por unha carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. As ventás de dobre folla conservaranse cambiándolles a caixa de persiana por unha nova con persianas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano. As luminarias serán outro dos elementos renovados, con equipos de alta eficiencia enerxética e de regulación lumínica e detectores de presenza en corredores e aseos.

Así mesmo, instalaranse válvulas termostáticas con cabezal termostático electrónico en todos os radiadores existentes, de xeito que se permite o funcionamento da calefacción unicamente nos radiadores das estancias que demanden máis temperatura, e axustar diferentes temperaturas segundo o uso dos espazos.

A conselleira sinalou a relevancia destas medidas tanto para reducir os gastos de funcionamento do centro como desde o punto ambiental, xa que van supoñer un aforro do 27,60% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 28,20% en emisións de CO2.

Por outra banda, as obras de reforma deste CEIP permitirán acometer diversas melloras a prol dun maior confort, tanto para o alumnado como para o profesorado e o persoal non docente. Trátase da colocación de estores na fachada este para mitigar a incidencia directa do sol e de mosquiteiras nas ventás dos comedores. Ademais, instalaranse falsos teitos acústicos de lá de roca en aulas, biblioteca e salón de actos, e falsos teitos con placas de xeso laminado nas zonas comúns.

Renovarase tamén o pavimento da cociña e colocarase pavimento vinílico en todas as dependencias e zonas de circulación, ademais de substituírse a carpintería interior, reformarse os aseos e pintar os paramentos, portas e radiadores segundo o Estudo cromática para centros de Educación Infantil e Primaria feito pola da Consellería en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

As obras do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa enmárcanse no programa de rehabilitación integral do Plan de dotación de infraestruturas educativas 2016-2021, que vén de ser ampliado coa recuperación dos fondos do superávit. Ao abeiro deste plan, este verán estanse a executar traballos en seis centros educativos ourensáns, nos concellos de Verín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense e Maside. O conxunto destas actuacións representa un investimento de case 5 millóns de euros por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional na provincia.

CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas

Ademais das reformas integrais e de eficiencia enerxética, Educación está a acometer diversas melloras noutros centros educativos da provincia. É o caso do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas, que tamén visitou hoxe Carmen Pomar e no que se investirán 409.597,31 euros para pechar lateralmente a pista deportiva cuberta e permitir así o seu uso os días de choiva.

Segundo puido comprobar a conselleira, comezouse a executar a substitución da cuberta con panel illante intermedio, así como un peche lateral de paneis prefabricados de formigón con illamento na parte inferior e paneis de policarbonato celular na parte superior que garantan a iluminación natural.

Instalaranse tamén aseos, vestiarios e un almacén, así como un espazo cuberto contiguo que permita o seu uso nos días de choiva como alternativa á pista de uso deportivo. Deste xeito, o centro disporá de infraestruturas coas mellores condicións de illamento e confort para impartir Educación Física.

Ademais, segundo anunciou Carmen Pomar na súa visita, a Consellería asinará un acordo co concello do Barco de Valdeorras para que clubs, asociacións e poboación en xeral desta localidade poidan utilizar as instalacións en horario non lectivo.

30 de xullo de 2019 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.