publicidade hoxe

Comezan as obras de ampliación do CPI Plurilingüe de Vedra, nas que Educación inviste 841.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada dereitaVedra
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de iniciar no CPI Plurilingüe de Vedra as obras de reordenación e mellora do edificio existente e iniciará nos próximos días a ampliación que inclúe a construción dun novo edificio. No seu conxunto estas actuacións supoñen un investimento duns 841.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

A conselleira Carmen Pomar achegouse esta mañá ao centro para comprobar o inicio das obras que, segundo explicou, aínda que teñen un prazo estimado de duración de seis meses, foron planificadas para que interfiran o mínimo posible no inicio do curso escolar. De feito, as obras de reordenación e mellora do edificio existente finalizarán antes do inicio do curso e está previsto que as actuacións estean rematadas na súa totalidade no segundo trimestre do curso escolar.

A actuación consiste na ampliación do centro a través dun novo edificio de dúas plantas, nas que se situarán un total de 8 aulas de educación secundaria, a razón de 4 por planta. A construción deste novo edificio permitirá redistribuír as aulas de infantil e primaria no edificio xa existente, no que se realizarán tamén melloras.

Deste xeito, no edificio actual situarase o taller de tecnoloxía que agora é a aula de Educación Infantil, e colocarase a Sala de Usos Múltiples no que neste momento é o devandito taller. Así mesmo, dividiranse tres aulas de infantil para poder contar con seis espazos para desdobres, incorporaranse aseos a dúas aulas de infantil e substituirase o actual grupo electróxeno por un novo.

Cómpre salientar que a maiores desta obra de ampliación, a Consellería leva investidos uns 150.000 euros en anteriores melloras neste centro, como a ampliación do comedor, a instalación dunha porta adicional de evacuación ou melloras na cociña, entre outras.

Na visita, a conselleira estivo acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

17 de xullo de 2019 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.