publicidade hoxe

‘Camiños Sonoros’ chega ao mosteiro de Oseira e a Xinzo de Limia con tres novos concertos de novos prodixios galegos

O ciclo musical impulsado pola Xunta Camiños Sonoros chega esta fin de semana ata o Mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, e á igrexa de Santa Mariña, en Xinzo de Limia. Dous enclaves especiais na Vía da Prata onde soará a música do violín barroco, o cravo, o piano, o clarinete e a frauta, dentro da programación incluída nesta iniciativa cultural que está a percorrer diferentes vilas galegas deste itinerario, con 40 concertos durante as fins de semana de maio a xullo.

A primeira parada de Camiños Sonoros será o venres no Mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ás 19,15 horas. O Refectorio Monumental converterase nun escenario excepcional para un concerto de violín barroco e cravo, a cargo de dúas alumnas do Conservatorio Superior de Música de Vigo, Ángela Neto e Erea Blanco, cun programa de sonatas barrocas de Corelli, Leclair ou Telemann, entre outros autores.

O sábado, a música dos novos prodixios chega ata a igrexa de Santa Mariña (Igrexa Vella) de Xinzo de Limia, cun concerto que comenzará ás 20,45 horas, protagonizado por dous alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Estela Rodríguez e Miguel Guillermo Sáez, nun dúo de clarinete e piano. No seu programa clásico, destacan as obras de Mozart, Schubert e Saint-Saëns.

A última cita será o domingo, no mesmo espazo, a igrexa de Santa Mariña, tamén ás 20,45 horas. Desde o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, chegan Cristina López á frauta, acompañada de Miguel Vizoso, ao piano, que ofrecerán un concerto con pezas de Chaminade, Doppler ou Godard para despedir esta fin de semana de unión entre música e patrimonio.

Programación do Xacobeo 21

Todos os concertos son gratuitos e están dirixidos ao público xeral. Son unha oportunidade para gozar das interpretacións dos novos prodixios da música da nosa Comunidade en escenarios de especial interese na Vía da Prata.

Coa parada en San Cristovo de Cea e en Xinzo de Limia desta fin de semana, continúa así a programación desta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, para divulgar o Camiño de Santiago a través da música, e conta coa participación de máis dun cento de xoves estudantes de conservatorios galegos, coa dirección artística da pianista e xestora musical Andrea González. O ciclo forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no calendario do Plan Director do Camiño de Santiago, que prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural nesta ruta en 2019.

Tras esta fin de semana, as derradeiras paradas deste ciclo serán no Mosteiro de Carboeiro, os 12 e 13 de xullo; na Mezquita o 14 de xullo; en Allariz os vindeiros 19,20 e 21 de xullo, e o ciclo rematará o seu percorrido en Vedra o 26 e 27 deste mes e o día 28 de xullo, nun concerto no Pico Sacro de Boqueixón.

PROGRAMA DESTA FIN DE SEMANA

Venres 5 xullo. 19,15 horas
Refectorio Monumental. Mosteiro de Oseira. Cea.
Conservatorio Superior de Música de Vigo
Ángela Neto Domingues, violín barroco
Erea Blanco Balvís, clave

Sábado 6 xullo. 20,45 horas
Igrexa de Santa Mariña (Igrexa Vella) de Xinzo de Limia
Conservatorio Profesional de Música de Ourense
Estela Rodríguez Rodríguez, clarinete
Miguel Guillermo Sáez Sotelo, piano

Domingo 7 xullo. 20,45 horas
Igrexa de Santa Mariña (Igrexa Vella) de Xinzo de Limia
Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela
Cristina López Iribarnegaray, frauta
Miguel Vizoso, piano (profesor)

3 de xullo de 2019 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.