publicidade hoxe

A Xunta solicita a convocatoria da comisión técnica do convenio sobre o abastecemento de auga a Vigo para coñecer as previsións do Goberno sobre o inicio do estudo acordado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia solicitou onte a convocatoria da comisión técnica do convenio asinado co Concello de Vigo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a mellora das garantías de abastecemento de auga na área sur da provincia de Pontevedra.

O Goberno galego agarda que nesa xuntanza o Goberno de España poida informar sobre as súas previsións de licitación e inicio dos traballos do estudo acordado para identificar a mellor alternativa para garantir o abastecemento de auga a medio e longo prazo en Vigo e outros concellos da zona.

A Xunta lembra que ese convenio quedou asinado polas tres administracións o pasado 12 de abril e o 12 de maio foi publicado no Boletín Oficial do Estado, sen que, polo momento, se teña iniciada contratación do estudo acordado, unha responsabilidade asumida pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do Goberno de España.

Ese convenio prevé a constitución dunha comisión técnica formada por un representante de cada unha das partes e, no caso da Xunta, este será o xerente de Augas de Galicia,.

Actualmente os encoros que proveen auga o sistema de abastecemento de Vigo se atopan practicamente ao máximo da súa capacidade: o de Eiras está ao 96,7% e o de Zamáns ao 94,03%, de forma que as reservas para os vindeiros meses están garantidas.

En todo caso, e tendo en conta que ese sistema de abastecemento ten problemas estruturais, a Xunta considera imprescindible traballar na prevención e comezar canto antes o impulso dunha solución que permita blindar o subministro de auga en Vigo e o sur da provincia de Pontevedra fronte a eventuais problemas de seca como o vivido en 2017.

O Goberno galego lembra, igualmente, a necesidade de que a concesionaria municipal de augas acometa as obras de mellora da estación potabilizadora do Casal comprometidas.

17 de xullo de 2019 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.