publicidade hoxe

A Xunta remata os traballos de mellora do firme na LU-540 entre Viveiro e Cabreiros, nos que investiu 600.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMurasOurolViveiroXermade
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remata hoxe os traballos de reforzo do firme da estrada autonómica LU-540, entre Viveiro e Cabreiros, nos que investiu preto de 600.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou o resultado das obras, que se executaron durante os últimos meses -exceptuando algunhas semanas durante o inverno debido ás condicións climatolóxicas- e afectaron aos termos municipais de Ourol, Xermade, Viveiro e Muras. Balseiro anunciou que a continuación vaise proceder ao repintado integral da vía.

As obras de reforzo localizado do firme iniciáronse no concello de Ourol e desenvolvéronse entre os puntos quilométricos 8+000 e 37+150, en Roupar -onde conclúen hoxe-. Consistiron no fresado das zonas deterioradas da calzada e posterior reposición dos espesores eliminados cunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente. Nestas zonas xa se procedeu á renovación de sinalización horizontal, e no alto da Gañidoira instaláronse ademais guías sonoras laterais para mellorar a seguridade.

Balseiro explicou que co repintado total da vía culminará o proxecto de mellora da estrada, que se iniciou cunha primeira fase no 2017 e se retomou no outono do pasado ano. En total, engadiu, o investimento global na mellora desta estrada nos últimos dous anos supera os 1,3 millóns de euros.

O delegado salientou a importancia da intervención dado que a LU-540 asume unha elevada intensidade de tráfico pesado e soporta condicións climatolóxicas adversas. O novo pavimento, afirmou, incrementará as condicións de seguridade ao proporcionar unha mellor adherencia.

3 de xullo de 2019 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.