publicidade hoxe

A Xunta pecha os foros de debate profesionais da Estratexia dixital 2030 facendo foco nas tecnoloxías de vangarda e no talento TIC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

Representantes do hipersector TIC, de grandes empresas, asociacións empresariais, centros tecnolóxicos, colexios profesionais, e de grupos de investigación, xunto con responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica e da universidade, abordan hoxe na Coruña posibles liñas de actuación da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 (edeg2030) para posicionar a Galicia nas tecnoloxías de vangarda e impulsar o talento dixital.

O cuarto e último dos foros de debate con profesionais da edeg2030 foi inaugurado esta mañá na Facultade de Facultade de Informática pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde.

Nesta xornada farase foco nas oportunidades de aplicar novas tendencias tecnolóxicas en todos os ámbitos da economía; na necesidade de atopar solucións para diminuír fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas, e no impulso ao emprendemento tecnolóxico.

Primeiro dos fitos previstos

Estes Foros de Debate, organizados pola Amtega en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia Dixital para a vindeira década.

En total, esta semana celebráronse catro sesións de traballo nos campus de Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña, que congregaron aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, e de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.

Trátase dos primeiros encontros previstos neste proceso participativo, no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da Amtega (https://amtega.xunta.gal/edg2030-participa), así como dun comité de expertos que trasladen a súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital.
Workshops en torno a catro temas
Durante esta semana máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, repartidos en 12 grupos de traballo están a facer as súas achegas para definir as liñas de actuación da futura edg2030 en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital, Economía Aberta e Especialización Tecnolóxica.

A edg2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade, tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

Metodoloxía

Para a elaboración da Estratexia Galicia 2030 establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades.

Estas achegas multidisciplinares serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas, e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á Intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego…entre outras

Ademais, constituirase unha comisión permanente de expertos que participen tanto nas funcións de vixilancia tecnolóxica como de análise do impacto das diferentes liñas de acción da transformación dixital en Galicia.

5 de xullo de 2019 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.