A Xunta informa sobre as axudas do Programa Emega para o fomento do emprendemento feminino que duplica o orzamento este ano
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na inauguración da xornada informativa da Cámara de Comercio de Santiago, onde lembrou que o prazo para solicitar as axudas do Programa Emega para o fomento do emprendemento feminino remata o vindeiro 5 de agosto.
O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.
O programa Emega inclúe catro liñas específicas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; ‘Innova’, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; ‘Activa’, para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa; e ‘ITEF’, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres. A maiores, establece unha liña de axudas complementarias, a ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Contía das axudas
A contía das axudas dependerá da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, tanto por conta propia como por conta allea. Así na ‘Emprende’ irán de 8.000 a 20.000 euros; na ‘Innova’, de 12.000 a 20.000; na ‘Activa’, de 6.000 a 15.000; e na ‘ITEF’, de 16.000 a 40.000. No caso das axudas complementarias á conciliación, os incentivos irán dos 3.000 euros para as promotoras que teñan fillos/as menores de tres anos; ata os 5.000 euros, cando as actividades de conciliación estean dirixidas ás traballadoras por conta allea.