publicidade hoxe

A Xunta colabora co concello de Castro de Rei na ampliación e mellora de 1,2 km de beirarrúas no núcleo urbano de Castro Ribeiras de Lea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade colabora co Concello de Castro de Rei e achega un investimento que supera os 266.500 euros, para levar adiante obras de ampliación e mellora en 1,2 quilómetros de beirarrúas da estrada autonómica LU-113, no núcleo urbano de Castro Ribeiras de Lea.

Os traballos xa adxudicados, comezarán na segunda quincena de agosto. Teñen un prazo de execución de oito meses e desenvolveranse nun treito comprendido entre as proximidades do cemiterio de Duarría e o centro urbano da localidade, en concreto á altura do cruzamento entre a praza Galicia e a praza Irmáns Fernández Quintana.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Francisco Balado e de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) desprazáronse esta mañá ao lugar no que se acometerán os traballos e deron conta das características da obra proxectada.

Unha obra moi demandada nun espazo con alto tránsito peonil

Dáse a circunstancia de que o tránsito de persoas por estas beirarrúas é moi intenso, polo que se trata dunha obra moi demanda. Así por exemplo, a zona de actuación chega ao espazo no que se celebra o tradicional mercado todas as semanas (e as pulperías), o propio cemiterio, varios parques infantís e importantes empresas.

A colaboración entre a Xunta e o Concello busca proporcionar á poboación unhas estruturas de paso no mellor estado, que permitan unha circulación segura, illada dos vehículos e proporcionen as condicións de accesibilidade, comodidade e estética que a sociedade actual require.

A obra promovida suporá unha renovación integral e modernización dunhas beirarrúas que datan dos anos 80. Inclúen espazos de nova construción, e de mellora e ampliación da infraestrutura existente. Todos os treitos incluirán un novo pavimento con baldosa hidráulica e con adaptacións que garante a súa accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e tamén, grazas ao pavimento táctil, o uso por persoas invidentes.

Obras complementarias

O proxecto inclúe varias medidas complementarias como é o caso da colocación de ramplas de acceso aos garaxes e propiedades particular e a mellora da sinalización vertical e horizontal, isto é das marcas viarias e sinais de tráfico. Ademais está incluída a reposición e, no seu caso o traslado á zona ampliada, de servizos como a iluminación pública, sumidoiros, arquetas, etc…

Finalmente os traballos inclúen a construción dun novo paso de peóns sobreelevado (que ata o momento non existía) para controlar a velocidade dos condutores no P.Q 4+270 (á altura da factoría do Grupo Sada) e a substitución das varanda e das barreiras de seguridade (biondas) existentes, para colocar novas no seu lugar.

26 de xullo de 2019 | 14:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.