publicidade hoxe

A Xunta aproba o primeiro PXOM da Fonsagrada, que promove a ordenación do solo rústico e a protección do patrimonio municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do PXOM da Fonsagrada, un trámite co que se pon fin a case 12 anos de tramitación e traballo municipal. Trátase do primeiro plan xeral co que contará este pequeno concello lucense, un documento completo, moderno e adaptado á normativa urbanística vixente en Galicia que virá substituír e actualizar unhas normas subsidiarias básicas aprobadas hai 34 anos.

Tras asinar a aprobación do novo PXOM xunto ao alcalde Carlos López, a conselleira subliñou a importancia deste documento para o Concello da Fonsagrada, xa que lle dará un novo marco legal que marcará a evolución do municipio ata o ano 2031, outorgaralle seguridade xurídica en materia urbanística e será coherente coa realidade do seu territorio.

Neste sentido, lembrou o carácter eminentemente rural da Fonsagrada, un concello no que o 99,1% dos seus 438 quilómetros cadrados correspóndese con solo rústico. De feito, a conselleira explicou que un dos obxectivos fundamentais do novo PXOM será fomentar unha ordenación racional do solo rústico, cualificándoo en cada caso segundo as súas potencialidades; e delimitar os máis de 200 núcleos rurais que ten A Fonsagrada de acordo coas expectativas demográficas do municipio.

A conservación e a protección do patrimonio que atesoura este concello, tanto desde o punto de vista natural e paisaxístico como arqueolóxico, etnográfico e arquitectónico, é outra das finalidades do planeamento aprobado hoxe. Nesta liña, Vázquez Mejuto referiuse particularmente á protección do Camiño de Santiago Primitivo ao seu paso por A Fonsagrada, de xeito que o seu trazado histórico aparece recollido no PXOM.

Grazas á súa nova ordenación urbanística, o concello tamén poderá resolver algunhas carencias dotacionais, facilitando a obtención de espazos públicos nas súas 22 parroquias e, de forma especial, na capital municipal, onde a falta de espazos común é máis significativa. En canto á ordenación dos núcleos urbanos, o documento busca resolver os problemas que se producen nos bordes destas zonas e facilitar a xestión das bolsas de solo vacante. Así mesmo e polo que respecta ao solo urbanizable, o PXOM incorpora dúas zonas de uso industrial nas inmediacións do Camiño de Santiago, concretamente no lugar de Padrón.

Por todo isto, a conselleira de Medio Ambiente felicitou ao equipo de goberno municipal da Fonsagrada polo traballo, implicación e recursos mobilizados durante case 12 anos ata conseguir que o primeiro PXOM do municipio saíse adiante. Neste sentido, tamén se referiu á contribución realizada pola Xunta, cunha achega de 250.560 euros para redactar o plan, e que traballa “man a man” cos concellos para impulsar un urbanismo responsable en Galicia.

Máis dun cento de concellos co PXOM aprobado

Coa aprobación definitiva do PXOM de A Fonsagrada son xa 103 os concellos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente en Galicia. Así mesmo, cómpre precisar que 73 destes plans foron aprobados polo actual Goberno galego e 15 deles só no que vai da presente lexislatura, que comezou no ano 2016.

Por último, Ángeles Vázquez lembrou que o traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos dez anos en materia de urbanismo ten coma obxectivo final que non haxa ningún concello en Galicia sen PXOM. Neste sentido, referiuse á aprobación da Lei do Solo no ano 2016 e do regulamento que a desenvolve; á posta en marcha do Plan Básico Autonómico en outubro de 2018 e aos futuros Plans Básicos Municipais para concellos de menos de 5.000 habitantes, que empezarán a redactarse este ano; ou ao impulso á nova Lei de Ordenación do Territorio, un texto que, previsiblemente, entrará no Parlamento a finais de 2019.

3 de xullo de 2019 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.