publicidade hoxe

A Xunta amosa o seu apoio ao Concello da Veiga para impulsar a actividade económica e empresarial no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA VeigaLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+
Francisco Conde na reunión co alcalde da Veiga

Francisco Conde na reunión co alcalde da Veiga

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo en Santiago de Compostela unha xuntanza co alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, na que avaliaron os principais programas do departamento autonómico para impulsar o emprego local e a actividade económica e empresarial no rural. Conde amosou o apoio da Xunta ao Concello da Veiga para seguir incrementando as oportunidades laborais. Neste senso, destacou a importancia da colaboración entre administracións para apoiar a creación de novos postos de traballo e poñer en marcha programas de apoio ao emprendemento.

Así, na reunión puxeron en valor as axudas que o pasado ano recibiu este Concello para poñer en marcha un laboratorio cooperativo no que se formaron 10 persoas en apicultura. Grazas a esta iniciativa, creouse a empresa con marca propia Mel de Trevinca, cunha produción de 12.000 quilos de mel dos cales máis do metade xa está etiquetado. Na actualidade, ademais, hai 18 persoas implicadas no proxecto.

Ao longo de 2019, ademais, a Consellería de Economia, Emprego e Industria concedeu a esta Administración local axudas por valor de preto de 400.000€ para a contratación de socorristas, de persoal para a realización de actividades vinculadas co sector forestal e para a posta en marcha dun obradoiro dual de emprego. Con respecto a iniciativas como a de obradoiros, Conde apuntou a importancia de poñer en marcha programas de formación adaptados á demanda do tecido produtivo. Neste senso, incidiu na aposta da Xunta por unha formación de calidade flexible, dual e á carta.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu desde 2009 no Concello da Veiga máis de 1,7 millóns de euros en diferentes programas para dinamizar a súa actividade empresarial e comercial e apoiar o emprego e a eficiencia enerxética. O conselleiro tamén subliñou o interese demostrado pola Veiga para ser Concello Emprendedor, unha denominación que lle dá prioridade en ordes de axuda vinculadas ao emprego e a formación, á dinamización comercial ou á eficiencia enerxética. A cambio, o Concello comprométese a rebaixas nos impostos locais de ata o 95% e a ofrecer máis facilidades no eido da tramitación administrativa para favorecer a captación de novas empresas e novos investimentos no municipio.

9 de xullo de 2019 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.